Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Unidade en Viveiro contra o peche de Vestas

Por 25 Setembro, 2021Sin comentarios

O peche de Vestas foi o gran protagonista na xornada de hoxe na Mariña tras a concentración celebrada ás 12.00 na praza principal de Viveiro á que asistiron veciños, traballadores, familiares, políticos de todas as cores así como un importante grupo de traballadores de Alcoa, que aparcaron o seu propio problema para amosar a súa solidariedade coa outra empresa da comarca que provoca un despido masivo de traballadores.

A concentración foi un éxito de asistentes en protesta ante unha situación que foi anunciada esta semana pola propia empresa e que supón o peche da fábrica ubicada en Viveiro e que afecta a 150 traballadores que quedarán na rúa ou terán que ser desprazados.

O presidente do comité de Vestas en Viveiro, David Mariño, leu un discurso durante a concentración no que puxo de relevo que se comunicou o peche da empresa antes á prensa que aos propios traballadores, “tras máis de 20 anos na comarca”.

Explican no comité que non entenden como unha empresa como Vestas, “con grandes beneficios, peche a nosa fábrica cando mellor o está a facer e todo para sacar máis beneficios fabricando en países con peores condicións laborais”.

Lembrou tamén que a fábrica foi sempre rendible e que incluso tiña adquiridos terreos para ampliar.

CONCELLO DE VIVEIRO

O Concello de Viveiro acolleu unha reunión na que os alcaldes e alcaldesas das comarcas da Mariña e Ortegal fixeron un fronte común co comité de empresa de Vestas ante o repentino anuncio de peche da fábrica.

A reunión, convocada pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, supuxo o punto de partida para varias iniciativas que os concellos impulsarán nos próximos días, con mocións municipais e a solicitude de que todas as administracións traballen xuntas neste tema.

“Ademais do problema de Vestas, falamos do desmantelamento industrial que sufrimos desde hai anos, con outros casos como os de Alcoa; A Mariña e Ortegal necesitan un plan no que todas as administracións estén implicadas para frear esta tendencia e reindustralizar as nosas comarcas”, afirma a alcaldesa de Viveiro.

BNG

Pola súa banda, o deputado no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, e a portavoz municipal do BNG en Viveiro Miriam Bermúdez, amosaron  a súa solidariedade coa plantilla e coas familias nestes momentos tan duros e manifestáronlle ao comité o apoio do BNG na súa loita e nas súas reivindicacións para manter os postos de traballo na fábrica de Chavín. Trasladáronlle tamén aos representantes dos traballadores as diferentes iniciativas que  tanto no Parlamento de Galiza coma  no Congreso dos Deputados van presentar nos próximos días.

Ademais de amosar o apoio aos traballadores de Vestas, empresa que nos últimos anos xa reduciu a súa plantilla en Viveiro, desde o BNG inciden en que “segue agrandándose o mapa do desemprego na Mariña donde o proceso de desmantelamento industrial avanza a pasos axigantados. Esta situación acelerouse na última década deixando un regueiro de desempregadas e desempregados dunha punta a outra da Mariña, con peches e EREs de extinción de contratos coa perda de 1000 postos de traballo directos, en empresas referentes coma Ecar, Mobles Hermida, Sargadelos, Gres Burela, Construccións Mon…..e un longo etcétera que pecharon ou reduciron notablemente as súas plantillas, agravándose todo esto coa situación que atravesa a factoría de Alcoa en San Cibrao”.

“Esta sangría de desemprego e desindustrialización  que medrou ao abeiro do goberno de Feijoo, o exterminador de emprego, condea á Mariña, unha comarca con múltiples recursos, a unha situación insostible. O Bng levou ao Parlamento de Galiza en varias ocasións propostas neste sentido e advertindo da situación que se lle viña enriba á comarca e pedindo un Plan específico e emprego e industrialización para a Mariña, hoxe faise mais necesario e urxente”, afirmou Daniel Castro.

PARTIDO POPULAR

O PP da provincia de Lugo insiste na necesidade dunha fronte común para defender o emprego e o futuro industrial da Mariña. Así o reivindicou a presidenta provincial, Elena Candia, tras participar na concentración de apoio aos traballadores de Vestas e do futuro da Mariña.

A popular considerou “inxusta para os traballadores, as súas familias e tamén para toda A Mariña” a decisión da empresa de pechar a súa actividade na fábrica de Chavín e “despiadado” o anuncio a través dos medios antes de comunicar a decisión aos propios traballadores.

A dirixente do PP provincial apunta á “errada política enerxética” do Goberno de Pedro Sánchez que “afecta tanto aos cidadáns coma ás empresas” e que “deriva no desmantelamento industrial da comarca da Mariña” como demostra este anuncio de peche que afectaría a máis dun centenar de traballadores dunha empresa vinculada, precisamente, ao desenvolvemento de enerxías renovables”.

Por outra banda o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde López, recibirá ao Comité de Empresa de Vestas o vindeiro luns 27 de setembro ás 14.00 horas na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo.