Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Aula do Mar A Mariña integra ás persoas e o patrimonio costeiro

Por 19 Setembro, 2021Setembro 20th, 2021Sin comentarios

A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña conta coa Aula do Mar inclusiva, unha iniciativa innovadora e única en toda Galicia

A Aula do Mar A Mariña é un proxecto medioambiental e de integración social para persoas  con enfermidade mental, crónica na cal se pon en valor o patrimonio costeiro, os recursos patrimoniais e ambientais da zona de A Mariña-Ortegal. Este proxecto é desenvolvido na  Unidade Residencial de Cervo (única residencia especializada nas doenzas mentais na Provincia de Lugo) durante 3 anos: 2020, 2021 e 2022 e que inclúe 5 actividades xerais:  terapia-mar, crea-mar, coida-mar, explora-mar e o camiño e o mar.

Trátase da primeira aula do mar inclusiva de Galicia. Este proxecto concíbese cun sentido  interactivo e concienciador co medio ambiente, xa que os participantes gozan de maneira  activa nas actividades propostas, ademais de coñecer a importancia do mar, ampliar  coñecementos mediante datos de interese a través das explicacións sobre as embarcacións,  os fondos mariños, ornitoloxía, a pesca, a vida mariñeira, etc., é dicir, aproveitando as  potencialidades e características da nosa costa A Mariña- Ortegal.

Ademais, esta Aula do Mar caracterízase por ser aberta e inclusiva, sendo un espazo de  comunicación transversal ante o sector pesqueiro e os demais colectivos en risco de exclusión  social, para que se favorezan os medios, apoios e recursos que contribúan á igualdade real e  efectiva no sector pesqueiro, para así avanzar na inclusión. Sabemos que o GALP pretende  manter unha posición integradora das persoas en risco de exclusión social para favorecer unha  integración real no conxunto das actividades que promovan e, por iso, dende a Asociación de  Axuda ó enfermo Mental A Mariña, comprácenos formar parte desta estratexia que o GALP promove.

A relevancia que ten este proxecto para a Zona Pesqueira A Mariña- Ortegal é a posta en valor  do patrimonio e a importancia do sector pesqueiro, ademais de darlle a importancia que  merece á tradición das vilas costeiras como modo de vida e cultura que corre risco de  desaparición.

Por iso, é importante sinalar que os nosos usuarios teñen moita relación co mar e co sector  pesqueiro, xa que a meirande parte son fillos de familia mariñeira ou foron mariñeiros no seu  tempo ou que, sen estar estreitamente relacionadas co mar, tiveron algunha relación co  medio, o cal vemos relevante e moi característico tamén para a implementación de dito  proxecto xa que as costumes, o traballo e o carácter conforman unha cultura e unha  identidade propia.

A localización física da Aula do Mar está en Cervo, na Unidade Residencial coa que  conta a entidade en dita localidade. En cambio, é preciso dicir que esta Aula conta cun carácter  itinerante, posto que se realizan actividades ó redor de toda a contorna, coa realización de  saídas e visitas culturais polos diferentes concellos, dende Burela, Ribadeo, Foz, Viveiro, O  Barqueiro, etc. para reforzar a identidade local da zona costeira. Ademáis, a parte da propia UR, a Aula do Mar desenvólvese nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de  Burela e Ribadeo para que se poidan beneficiar deste proxecto a meirande parte dos nosos  usuarios e que na actualidade ascenden a 92 usuarios procedentes de toda a Comunidade.

Dende Ribadeo ata Ortigueira, a paisaxe ofrece un mar de historia, cultura, tradición e lenda.  Por iso, a través da Aula do Mar facemos unha inmersión polo patrimonio costeiro lucense  visitando pontes, pobos e portos con sabor mariñeiro, bens do patrimonio militar,  arqueolóxico e industrial, faros con vistas incribles, artesáns, museos e lonxas que nos  conectarán co pasado e co presente do noso litoral.

A creación da Aula do Mar conleva a realización de actividades como terapia-mar que consta de estimulación cognitiva coas aprendizaxes  mariñas, crea-mar que consiste en diferentes cursos de formación con motivos mariñeiros como elaborar libretas, cerámicas, xabóns ou produtos artesanais con redes. Con explora-mar preténdese que a través de actividades lúdicas se adquiran coñecementos e habilidades para o seu desenvolvemento persoal con excursións pola contorna, coa actividade coida-mar reflexionan sobre a contorna e o medio ambiente.

Contan tamñen cun taller de teatro, O camiño e o mar para a posta en valor do patrimonio cultural e que comezou en xaneiro de 2015 e na actualidade conta con dez participantes entre os dispositivos que ten a entidade.

ASOCIACIÓN

Diferentes actividades realizadas polos integrantes da Aula do Mar

A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña foi fundada en 1999 a instancias de cinco  familias afectadas pola problemática da enfermidade mental crónica, que ante a escaseza de  recursos na zona da Mariña uniron as súas forzas para loitar por un obxectivo común:  conseguir que ás persoas cunha enfermidade mental crónica e ás súas familias se lles preste  unha axuda e asistencia da comunidade, fixando como obxectivo prioritario a súa  rehabilitación psicosocial e laboral.

En Burela, sendo a poboación máis céntrica de A Mariña, atópase o Hospital Público da Mariña e a Unidade de Saúde Mental que dan cobertura a toda esta área; son numerosos os casos de  enfermidade mental crónica que atenden a diario nas consultas polo que, desde un principio,  animaron ás familias a por en marcha a Asociación prestando, dende entón e até a  actualidade, todo o apoio necesario para sacar adiante este proxecto.

Debido á alta porcentaxe de afectados na zona, a demanda dun servizo de apoio comunitario  impulsou o espírito de unión e solidariedade entre as familias afectadas dando lugar ao  nacemento en 1999 da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña.

En setembro de 2003 é aceptada en Feafes Galicia, Federación de Asociacións de Familiares  e Enfermos Mentais de Galicia, como membro numerario e no 2008 a Entidade é declarada de Utilidade Pública.

Ata a actualidade a Asociación ten rexistrados 212 socios procedentes de todos os municipios da Mariña e, ademais, contan cunha gran carteira de voluntariado, 128 mulleres, moi comprometidas coa causa .

No ano 2013, abriuse a primeira Unidade Residencial especializada en enfermidade mental de toda a Provincia de Lugo, sita en Cervo e no ano 2019 inaugurouse a primeira vivenda tutelada  para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, de todo o territorio español, ubicada en Burela, onde tamén contan cun piso protexido.