Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O carneiro alado de Ribadeo

Por 26 Setembro, 2021Setembro 27th, 2021Sin comentarios

Está formado por láminas de ouro repuxadas e soldadas posteriormente sobre o corpo, cunha abundante e coidada decoración

Por Miriam Fernández

O coñecido como carneiro alado de Ribadeo é unha fermosa peza atesourada no Museo  Provincial de Lugo, pertencente á colección de ourivería prerromana que a Deputación  Provincial de Lugo adquiriu en propiedade entre o 2015 e 2018 ós herdeiros do filántropo  Alvaro Gil, quen depositara esta magnífica escolma de pezas no museo Lucense xa nos anos  70 do século pasado. Este tesouro ourive conta cun total de 56 pezas destinadas  principalmente ó “atrezo persoal”, tales coma torques, arracadas, brazaletes, diademas,  fibelas, enganches de cinto e pequenas xoias (datación posterior), etc. Cronoloxicamente o  conxunto sitúase nun marco temporal que abrangue dende o III milenio a.C e o século VI  despois de Cristo e foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2015.

En canto ó carneiro alado, existen diferentes incógnitas e teorías a cerca da súa orixe e natureza exactas, cuestión que motivarían a diferentes estudosos dende a súa presentación  no Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo en 1977. Segundo o Boletín da Comisión de  Monumentos de Lugo de 1976, o carneiro chegaría ó Museo de Lugo xunto con outras dúas  pezas da colección de Álvaro Gil, descuberto durante as tarefas de dragado da Ría de Ribadeo  no 1945 e posteriormente adquirido por Gil nunha poxa en Madrid. A finais dos 70, Felipe  Arias rastrexaría estes traballos de dragado co obxectivo de recadar máis datos, pero as autoridades informaríano da falta de novas sobre estas actuacións, poñendo en dúbida o  contexto arqueolóxico da peza (non obstante si que hai referencias fiables da aparición de  tres diademas e unha medalla na canle).

O carneiro presenta unhas dimensións de 6,5 x 6,4 x 2 cm e un peso aproximado de uns 50  gr. Non é unha unha peza maciza, pois está formada por láminas de ouro repuxadas e  soldadas posteriormente sobre o corpo, cunha coidada e abundante decoración caracterizada  polas filigranas e granulados que o cobren case na súa totalidade . Ademais das escamas de  fíos retorcidos que tentan representar o pelo ou la do animal, no peito e na parte superior  das patas dianteiras represéntanse flores de seis pétalos, nas patas traseiras a imaxe dun  cuadrúpede con cornos e, no abdome, unha ave coas ás estendidas. A cabeza do animal está  levemente elevada, con cornos “tipo Amón” e a boca aberta en posición de “berrea”, repetindo a decoración de filigrana e granulado transmitida tamén nas esveltas ás. O rabo  mostra unha decoración de lámina lisa de ouro con glóbulos sobre roeles.

En canto ó marco histórico-artístico existe unha primeira catalogación que o identifica como  unha peza que emprega técnicas “orientalizantes” de orixe fenicio, grego ou tartésico (s. VII VI) que chegaría a Galicia por medio do comercio. Non obstante, posteriores hipóteses  moverían o marco cronolóxico do carneiro ós séculos XI- XII e con orixe oriental Selyucida, tal  e como mostran outras pezas moi semellante e actualmente conservadas en Suíza (Íbex, galo  e pavo real), Canadá (cabra), Baltimore (paxaro) ou Minneapolis.

As funcións desta peza tampouco son claras, pode ser que se traten dun obxecto decorativo  ou votivo, e hai quen apunta que en base á iconografía podería referirse á imaxe mitolóxica  do carneiro “Crisomalo” que se convertería no “vellocino de ouro” de Jasón e os Argonautas,  ou á representación en épocas posteriores dun tipo de deidades protectoras aladas da cultura  Iraní.

Sexa como sexa, o que temos claro e que estamos ante unha obra ourive de altísima calidade  que da mostra da habilidade dos artesáns do ouro dende épocas temperás e da transmisión  de produtos e coñecementos nun mundo máis conectado do que en principio cremos.