Skip to main content
Comarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXA

Fran Cajoto: “Cada vez somos un destino máis cotizado e máis demandado“

Por 12 Setembro, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, falanos do recentemente aprobado Plan de Sostibilidade Turística da Mariña.

Por Ana Somoza López.

En que consiste o Plan?

O Plan de Sostibilidade Turística da Mariña pretende dinamizar o noso destino poñendo en valor o patrimonio da comarca e creando novos produtos turísticos para facelo máis atractivo. Trátase de incentivar o turismo fóra de tempada, apoiándonos nos puntos fortes que ten a comarca: natureza, gastronomía, tranquilidade, patrimonio. E por que non tamén, o propio clima. Estamos a ver como as temperaturas suaves durante todo o ano do Cantábrico son cada vez máis demandadas e é un efecto que vai ir a máis.

É un investimento moi forte para A Mariña?

É unha inversión moi importante, estamos a falar de 2,25 millóns de euros, dos cales 1 millón achégao a Secretaría de Estado de Turismo, 1 millón a Xunta de Galicia e os outros 225 mil euros os 16 concellos da Mariña, unidos a través da Mancomunidade

Foi consensuado polos 16 concellos?

Tanto as liñas do plan como a fórmula de financiamento foron aprobadas de forma unánime no pleno da Mancomunidade. Os contidos do plan foron consensuados cos concellos en distintas reunións de traballo, sempre co mesmo obxectivo: as accións que se levarán a cabo no plan están dirixidas a que beneficien ao conxunto da comarca e non só a un concello en concreto. Estamos a falar de que o destino turístico é a Mariña, non Cervo, Barreiros, Foz ou Ribadeo. Os visitantes acuden ao norte de Lugo, onde hai distintos atractivos: os límites municipais non existen no turismo, só na administración.

Cales son as liñas de investimento?

Hai 5 eixos: gobernanza colaborativa, que é a propia xestión do Plan e a implantación de ferramentas para xestionar distintos recursos turísticos; crecemento sostible que se corresponde coa inversión máis forte -1,2 millóns de euros- e se actúa sobre distintos recursos que hai que desenrolar: ecoturismo, turismo ornitolóxico e xeolóxico, recursos agroalimentarios, audioguías, Camiño do Mar, ruta Pardo de Cela, miradores e fervenzas, etc; transformación competitiva para dotar de ferramentas informáticas ás oficinas de turismo de forma conxunta; espazo turístico, empresas e persoas, que servirá para sinalizar recursos e dar formación a técnicos e profesionais e o eixo produto, marketing e intelixencia turística que trata da divulgación do destino A Mariña e das campañas promocionais a realizar para atraer visitantes fóra da tempada de verán.

Servirá para reactivar o sector turismo tralo golpe da pandemia?

Ese é un dos principais obxectivos. Aínda que observamos que afortunadamente este verán o sector hoteleiro estivo a funcionar en xeral ben, a hostalería coas restricións non traballou con normalidade. Temos que avanzar sobre todo en potenciar o turismo fóra dos meses de xullo e agosto. A nosa comarca ten moito que ofrecer, non só praia, e debemos ser capaces de xerar demanda fóra dos meses de xullo e agosto. Desta forma conseguiremos optimizar as infraestruturas existentes e tamén servirá para xerar postos de emprego estables durante todo o ano.

Unha das liñas máis importantes está reservada para oficializar e potenciar o Camiño do Mar, non?

O Camiño do Mar está xa oficializado pola igrexa e resta que a Xunta de Galicia cumpra o mandato parlamentario de estudar o trazado histórico e incluílo na listaxe de camiños oficiais. Desde a Mancomunidade creemos firmemente na enorme potencialidade que ten esta variante do Camiño, que complementa perfectamente o Camiño Norte que discorre por varios concellos da comarca. É por iso que dotamos unha cantidade económica importante, 225 mil euros, para marcalo, sinalizalo e divulgalo: son moitos os peregrinos que a día de hoxe preguntan e desde o destino da Mariña debemos responder como corresponde e poñelo en valor.

O Camiño acolle a todos os concellos?

O Camiño do Mar discorre por todos os concellos de costa, desde Ribadeo ao Vicedo, pasando por: Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro. O Camiño do Mar, exactamente igual que o Camiño do Norte, encaixa perfectamente co turismo que queremos potenciar: un turismo tranquilo, de contacto co noso patrimonio natural, histórico e etnográfico, que se desenrole fóra dos meses de xullo e agosto. Ten un potencial enorme e trátase dunha ruta documentada que contaba con hospitais de peregrinos tan importantes como o da basílica de San Martiño en Foz. Un recurso sen explotar que debemos poñelo en valor e que vai beneficiar a toda a comarca no seu conxunto.

Servirá para poñer en valor outros enclaves turísticos? E outras actividades como BTTs. sendeirismo, etc?

E as fervenzas que temos, que son descoñecidas incluso para os habitantes da Mariña. Tamén hai unha oportunidade moi atractiva co avistamento de aves migratorias, que se desenrola fundamentalmente no mes de setembro e que nos permitiría aumentar as visitas nun mes que xa decaen…O deporte é cada vez máis importante e temos moitas rutas que hai que mellorar e potenciar tanto para sendeirismo como para BTT, donde xa traballan empresas e clubes locais…

Cales serían as necesidades máis urxentes?

Con este plan primamos a calidade máis que a urxencia. Estamos a falar que é un plan que se vai a desenrolar en tres anos, dende o 22 ao 24, polo que os seus efectos poderemos empezar a percibilos a partir do ano 23, conforme se vaian desenrolando os distintos proxectos. Sentará unhas bases sólidas para un desenrolo sostible e sostido do turismo na Mariña.

Permitirá volver colocar á Mariña no punto estratéxico do turismo?

Son optimista, coido que si. Necesitabamos un empuxón e ese paso vamos a dalo co plan. Estamos vendo que cada vez somos un destino máis cotizado, tamén por ese turismo climático que é cada vez máis habitual: hai cada vez máis persoas que foxen da calor do sur do país e encontran o seu refuxio no norte. Se xeramos oportunidades e tamén vamos da man do sector privado, cada vez máis empresas do sector turístico invertirán na Mariña. Temos que ser intelixentes e que o crecemento sexa sostible, non buscamos un turismo de masas en verán: procuramos un turismo de calidade durante todo o ano.

Cales son os retos ou eixes de traballo para estes vindeiros anos?

Cada proxecto é unha pedriña máis no obxectivo de avanzar nun turismo de calidade e desestacionalizado. Traballaremos de forma coordinada con todos os concellos e tamén co sector empresarial. Son tres anos para desenrolar o plan e rematar todos os proxectos: do 22 ao 24. Esta é unha gran oportunidade para a Mariña que non podemos desaproveitar. Ademais de outros sectores fundamentais, como o industrial, o turismo é cada vez máis unha das principais fontes de recursos e unha ferramenta importantísima contra o despoboamento. Debemos estar á altura.