Skip to main content
Axenda Caducada

Convocadas manifestacións na provincia contra a tarifa da luz

Por 17 Setembro, 2021Setembro 19th, 2021Sin comentarios

A CIG ten convocadas para o este domingo, día 19 de setembro, un total de 20 concentracións en cidades e vilas de toda Galiza baixo o lema Non á estafa da luz, Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega. A central sindical fai un chamamento a participar nestas mobilizacións “diante do imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo,  diante do nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións asequíbeis”, tal e como denunciou o secretario xeral, Paulo Carril.

Na provincia de Lugo están convocadas concentracións en Lugo, Monforte e Foz, ademais da veciña As Pontes. Na costa está prevista ás 11.30 diante da delegación de Facenda, mentres en Monforte será diante do Concello e en Lugo da Subdelegación de Goberno, as dúas as 12.00 horas. Nas Pontes a cita é tamén á mesma hora diante do Concello.

Carril fai este chamamento “coa lexitimidade e autoridade das moitas propostas e iniciativas que desde a CIG levamos anos facendo, para poñer fin ao réxime de oligopolio, á mafia das empresas eléctricas, que por decisións de todos os Gobernos españois gozan dun marco regulatorio e tarifario acorde aos seus exclusivos intereses”.

Especialmente “lamentábel e despreciábel” considera o papel do PP e da Xunta. Máis despois das súas políticas en favor das mesmas, “nomeadamente as que explotan os nosos ríos”, matizou, e da súa “permanente oposición a que en Galiza puideramos dar solucións como as que a CIG ten defendido e levado ao Parlamento Galego”.

A este respecto lembra as diferentes ILP promovidas pola central sindical nos últimos anos -que o PP no Parlamento Galego rexeitou-, como a da tarifa eléctrica galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas ou as propostas da CIG para dar solución á industria electrointensiva. Así como na recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética e nas propostas feitas en outubro do ano pasado para “Unha saída galega xusta da crise”.

Propostas que demostran que “existen mecanismos legais, que é posíbel se hai vontade política, garantir prezos xustos da enerxía”, afirma. Un ben de consumo de primeira necesidade que, ao seu entender, “obriga aos poderes públicos a recoñecer a enerxía como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social e a adoptar medidas de intervención no sector eléctrico para garantir unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo”.