Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMuras

Clausurado o obradoiro Terras do Sor

Por 17 Setembro, 2021Sin comentarios

Os 20 alumnos traballadores que se formaron no obradoiro de emprego Terras do Sor IV recibiron onte os seus diplomas, nun acto no que tamén participaron os alcaldes dos concellos promotores: Jesús Novo, rexedor do Vicedo; Manuel Requeijo, de Muras, e José Luís Pajón, de Ourol.

O obradoiro, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 356.000 euros, formou a 11 traballadores desempregados na especialidade de Carpintaría e moble e a 9 na de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Unha vez rematado, reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer estes traballos, ben como asalariados en empresas do sector ou por conta propia, dado que tamén adquiren coñecementos específicos orientados ao emprendemento.

Os alumnos construíron elementos de mobiliario urbano e realizaron mobles e reparacións en madeira en locais e zonas públicas dos tres municipios participantes. Pola súa banda, o alumnado de atención sociosanitaria traballou nunha residencia da terceira idade de Viveiro.

Proximamente dará comezo unha nova edición deste proxecto, que suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas desempregadas destes municipios.

No conxunto da Mariña darán inicio a partir de outubro cinco obradoiros duais, cun investimento global de 1,7 millóns de euros. Tamén se reedita o obradoiro de garantía xuvenil que comparten Ribadeo e Barreiros, que suma outros 369.500 euros.