Skip to main content

Xa está aberto o período de matriculación en Formación Permanente da UNED para o curso académico 2021/22. Este estenderase ata o 30 de novembro de 2021, mentres que o prazo extraordinario continuará até o 14 de xaneiro de 2022.

Ademais, tamén está aberto o prazo de matrícula para os cursos semipresenciais e en liña do Centro Universitario de Idiomas Dixital e a Distancia da UNED (CUID). Até o próximo 22 de outubro pódese facer a inscrición sen necesidade de posuír titulación académica algunha.

O CUID da UNED imparte 16 idiomas en distintos niveis: alemán, español, francés, inglés, italiano, neerlandés, portugués, árabe, chinés, esperanto, xaponés, Lingua de Signos Española, ruso, catalán-valenciano, galego e éuscaro. Dos cales, inglés, galego, chinés, portugués e alemán impártense no centro de Lugo. Todos os cursos seguen as directrices do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), nos que se traballan o catro competencias comunicativas, compresión e expresión, oral e escrita.

O CUID, independentemente da modalidade de ensino (semipresencial ou exclusivamente en liña), organiza e desenvolve os seus programas nunha contorna virtual. A duración dos cursos para ambas as modalidades de

ensino é de novembro a maio de cada curso académico, o que corresponde a 150 horas lectivas.

Ata o 21 de outubro continúa aberto tamén o prazo de matrícula na UNED para estudos de Grao e Máster. Este ano ampliouse moito a oferta de Microtítulos con respecto ao curso pasado, ofertándose un total de 12 Microtítulos de Grao e un Microtítulo de Máster.

UNED SÉNIOR

O prazo para realizar a matrícula para a UNED Sénior xa está aberto dende o 13 de setembro.

Dentro da programación desta liña, este curso, retomarase a introdución á informática, nunha actividade titorizada por Rocío Cuiña Cotarelo, e a iniciación ao inglés, impartida por María Soledad Fernández López. A de informática desenvolverase os martes, de 16:30 a 18:30 horas e o de inglés iniciación A1 será os xoves, de 12:00 a 14:00.

O prazo de matrícula estará aberto até o 13 de outubro. A matrícula realizarase de xeito on line ou presencial na Sede da UNED con cita previa. Por razóns sanitarias, o número máximo de estudantes presenciais será de 15.

A data prevista de inicio das clases será o 18 de outubro. A UNED establece un prezo de  50 euros por materia.

CURSO SOBRE PATRIMONIO

O Campus Noroeste da UNED ofrece un curso sobre o patrimonio como recurso de desenvolvemento local para o que está aberto o prazo de matrícula.

O curso inaugurarase o 28 de setembro, ás 17.00 horas, coa presenza do director do Campus Noroeste, doutor Víctor Manuel González Sánchez e a primeira relatora, desde UNED Segovia, doutora Inés Monteira Arias, profesora titular de Historia da arte na UNED. A conferencia comezará ás 17.15 horas, na que Monteira falará sobre Grandes portadas románicas do Camiño de Santiago.

O seguinte relatorio está fixada para o día seguinte, mércores, desde UNED Palencia ás 17.00 horas, o catedrático de Historia Económica, doutor Juan Helguera Quijada, explicará A Canle de Castela.

O venres, 8 de outubro, serán protagonistas as visitas teatralizadas na Coruña, da man dun técnico de Turismo do Concello da cidade herculina. Para o 13 de outubro está previsto que Carlos de la Casa Martínez, xefe do Servizo Territorial de Cultura e Turismo de Soria, ex director xeral de Patrimonio da Xunta de Castela e León, e profesor titor da UNED en Soria, diserte acerca de Xestión e planificación do patrimonio cultural en Castela e León.

UNED Zamora achegará, o 14 de outubro, neste caso, ás 18.00 horas, o relatorio titulado: Un novo recurso turístico entre Zamora e Salamanca: A ruta dos Murais da Idade Moderna. Diso falará Sergio Pérez Martín, comisionado de Patrimonio da Xunta de Castela e León e profesor titor da UNED en Zamora.

Lugo entrará en escena o 18 de outubro, coa participación do guía de Turismo e docente, Guido Álvarez Parga. A súa conferencia leva por título: A provincia de Lugo e os seus tesouros históricos e naturais, desde o Centro da UNED en Lugo. Tamén intervirá José Pérez Vázquez, experto en Ciencias Ambientais.

O patrimonio mineiro será protagonista neste ciclo do Campus Noroeste da UNED concretamente o 19 de outubro, pois ese martes, o titor de UNED Ponferrada, Francisco Balado Insunza, ofrecerá o relatorio titulado: A posta en valor do patrimonio mineiro (industrial e arqueolóxico).

A UNED Ourense tocaralle intervir o 21 de outubro, xoves, coa presenza do arqueólogo Jorge Lamas Bértolo, profesional implicado no Proxecto do Camiño Minhoto-Ribeiro, que será o seu tema.

Para o 25 de outubro, xoves, desde UNED Asturias, o doutor Ángel Mato Díaz, deterase na Arquitectura do Prerrománico Asturiano. A última xornada do curso será o xoves, 28 de outubro. Desde UNED Pontevedra, Alexandra Touza David, especialista en Turismo Responsable, Desenvolvemento e Cooperación, tentará pór resposta á seguinte pregunta, que titula o seu relatorio: Como pomos en marcha un proxecto turístico local?

Esta actividade permite ao estudante participar con asistencia presencial ou asistencia online en directo ou en diferido, sen necesidade de ir ao centro. A matrícula é gratuíta. Está dirixido a estudantes dos graos en Turismo, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Ambientais, Historia da arte e en Xeografía e Historia; profesores de ensino secundario nestas materias; e persoas interesadas en ampliar coñecementos sobre o patrimonio natural, artístico e cultural, así como das actividades turísticas do nos país.