Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Seguen as reaccións contra o peche de Vestas en Viveiro

Por 22 Setembro, 2021Sin comentarios

Despois de Alcoa chega outra decisión inesperada para A Mariña e os grupos políticos destacan as graves consecuencias para a comarca e a provincia de Lugo en xeral

O Concello de Viveiro coñeceu a intención da empresa Vestas de pechar a súa fábrica de Viveiro, unha decisión que suporía que 115 persoas perdan o seu traballo.

“Unha decisión inesperada, mesmo me puxen en contacto coa presidenta do comité de empresa para manter unha reunión cos representantes dos traballadores e coñecer os detalles do expediente de regulación de emprego extintivo anunciado pola compañía”, afirma María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Loureiro demanda “a todas ás administracións que reaccionen e convoquen de inmediato á dirección da empresa para intentar un cambio de postura”.

“O desmantelamento industrial da comarca non para, a Alcoa únese agora este anuncio, Viveiro e A Mariña necesitan unha reindustrialización”, engade.

O Concello amosa o seu total apoio aos traballadores e secundará todas as medidas que tomen nos próximos días, lembrando que “a fábrica de Vestas en Viveiro ten unhas instalacións modernas, polo que debemos atopar alternativas de actividade e emprego”. 

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o PP de Viveiro expresa o seu apoio aos traballadores de Vestas e di que é un momento para a unidade en defensa desta empresa e da industria de A Mariña.

“A política enerxética que leva a cabo o Goberno, presidido por Pedro Sánchez, castiga duramente a A Mariña, como xa está demostrado, castigo do que Alcoa é claro exemplo. Agora é a empresa Vestas a que vive momentos difíciles”, di o portavoz popular.

MANCOMUNIDADE

Así mesmo, o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, considera que cando se están multiplicando os proxectos de parques eólicos é un disparate parar liñas de produción de aeroxeradores, en referencia á crise da fábrica de Vestas en Viveiro. 

Fran Cajoto alerta do perigo da deslocalización da industria e da mala praxe dos Fondos de Inversión e manifesta “o noso pensamento está en Viveiro porque está é outra estacada ao noso corazón industrial e van demasiadas. O meu recoñecemento para o goberno local de Viveiro e para a súa alcaldesa, que no pasado e no presente son os que máis están a loitar para manter a produción da fábrica de Vestas e garantir dese xeito 115 postos de traballo que están na corda frouxa”. 

O presidente da Mancomunidade engade “agora hai unha multiplicación de proxectos eólicos, precisamente en Foz estamos a redactar as alegacións ao parque Borrasca, promovido pola industrial Greenalia, pola proximidade a vivendas. Neste contexto de expansión do vento resulta un completo disparate parar liñas de produción de aeroxeradores. Sen capital humano non hai empresa posible nin viable. Parece o mesmo xeito de actuar que no caso de Alcoa: plantas viables que se desbotan por un rédito económico maior e que se queren eliminar para posibles competidores”. 

Para rematar Cajoto sinala “estamos con Viveiro para esixir un cambio de postura á dirección de Vestas e ademais necesitamos un respaldo, un plan autonómico de reactivación industrial que mire pola Mariña porque temos unha enorme potencialidade, non só no eido turístico. Están ás portas os fondos Next Generation e necesitamos ese apoio, que desde Galicia se proxecte un plan industrial ilusionante para a nosa comarca”.

BNG

O BNG esixe medidas urxentes diante do proceso de desmantelamento industrial e de perda de emprego que está sufrindo A Mariña, así, “esta sangría de desemprego e desindustrialización que medrou ao abeiro do goberno de Feijoo, condea á comarca a unha situación insostible. O BNG, en mais dunha ocasión levou ao Parlamento iniciativas advertindo desta situación que se lle viña enriba á comarca e pedindo un Plan específico de emprego e industrialización para A Mariña, o que hoxe se fai moito mais necesario e urxente” afirmou a responsable comarcal Ana Ermida.

Desde a formación nacionalista demandan tamén a creación dunha empresa pública de enerxía e a reformulación do canon eólico, “dada a falta de retorno económico da riqueza xerada pola producción enerxética para cos territorios donde están instaladas as empresas de producción enerxética”. 

DEPUTACIÓN

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou unha Xunta de Voceiros co fin de analizar a situación tras o anuncio de Vestas de pechar a planta de Viveiro. Na reunión, os tres grupos políticos representados na Corporación provincial -PSdeG, BNG e PP- acordaron por unanimidade unha Declaración Institucional “en apoio dos traballadores e traballadoras de Vestas e das súas familias, tanto aqueles vinculados directamente á mesma, como os relacionados coas firmas auxiliares”, e no que expresan o seu compromiso de “traballar para paliar o antes posible o efecto desta decisión empresarial, tan negativa para os veciños e veciñas da provincia de Lugo”.

“Durante as últimas dúas décadas, Vestas converteuse na industria máis importante de Viveiro, cunha plantilla que chegou a acadar os 300 traballadores/as nos mellores momentos da súa andaina, e cunha facturación de 640 millóns de euros no ano 2012”, di o documento.

“O anuncio de peche é, xa que logo, unha mala noticia para os traballadores/as, para o concello de Viveiro e para o conxunto da Mariña, e polo tanto, para a provincia de Lugo”, rematan dicindo.

ALCOA

O comité de empresa de Alcoa tamén manifestou o seu apoio e respaldo aos compañeiros de Vestas tralo anuncio. Así mesmo, ofrecen a súa total colaboración para todo o que precisen “entendendo que nestes momentos de crisis é prioritario o mantemento dos postos de traballo e da industria en particular, sen a que sería imposible a recuperación do país”.

O comité manifestou a súa “total decepción, confusión e enfado coa política industrial que se está a levar a cabo, pechando plantas que de dedican ao negocio das renovables: Vestas, na que se fabrican compoñentes eólicos, Gamesa, que fabrica as palas, que poderías abaratar a enerxía para as empresas electrointensivas”.