Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación pide á Xunta a retirada do Anteproxecto de Lei do Ciclo Integral da Auga

Por 29 Setembro, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo pide a Xunta de Galicia a retirada do Anteproxecto de Lei do Ciclo Integral da Auga e abrir un marco de negociación coas entidades locais para mellorar a xestión deste ben básico, dacordo coa realidade galega.

A proposta recóllese nunha moción presentada polo grupo provincial do BNG no pleno no que o voceiro nacionalista Efrén Castro describiu o anteproxecto de lei como un “atraco no prezo da auga para concellos, comunidades de auga, pequenas empresas e usuarias domésticas”.

O BNG considera que “o obxectivo desta norma, que a Xunta de Galicia quixo sacar adiante pola porta de atrás sen ter en conta ás entidades locais, non é mellorar o proceso de xestión da auga, senón recadar máis incrementando as taxas que temos que pagar por un ben básico”.

O anteproxecto recolle un incremento da carga fiscal sobre os concellos e persoas usuarias a través do incremento do canon da auga para as redes de abastecemento que non acaden o obxectivo de reducir as perdas do sistema ao 20 por cento da auga captada. 

“No canto de planificar melloras en colaboración cos concellos e entidades titulares das redes de abastecemento, limítase a introducir un incremento no canon para sancionar a quen presta e recibe o servizo”, denuncia a formación nacionalista, que puxo o acento “en doce  anos de nula xestión do sistema de depuración por parte da Xunta e dunha distribución partidistas dos investimentos, que só chegan aos concellos gobernados polo Partido Popular”.

A formación nacionalista denunciou tamén que o anteproxecto pretende trasladar aos concellos e as deputacións competencias que son da Xunta de Galicia, obrigando ás entidades locais a achegar máis do 60 por cento do orzamento para acometer algunhas obras. 

Ademais da retirada do proxecto, a moción aproba pide ao goberno de Feijóo “consensuar coas administracións locais os criterios dos plans de investimentos en obras hidráulicas para o período 2021-2030, nomeadamente no que ten que ver coa elaboración e aprobación do Plan hidrolóxico Galicia Costa e cos proxectos a financiar con fondos europeos” e “reclamar do Estado a competencia sobre a totalidade do sistema hidrolóxico na Galicia”