Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAFoz

En outubro comeza un novo curso das Escolas Deportivas Municipais de Foz

Por 21 Setembro, 2021Sin comentarios

En outubro comeza un novo curso das Escolas Deportivas Municipais de Foz, así, continuarán como o fixeron o ano pasado, ofrecendo un programa atractivo cunhas condicións seguras, con protocolos de prevención da covid19 adaptados a cada actividade.

A concelleira de Xuventude e Deportes, Gema Méndez, anima a toda a rapazada a inscribirse neste novo curso das EDM, onde “facemos fincapé nos valores que transmite o deporte: esforzo, compañeirismo, superación, respecto, solidaridade… que son fundamentais no desenvolvemento persoal e social”.

Haberá actividades de ximnasia rítmica e de coreodance que serán no pavillón Torques de Marzán. A ximnasia contará con 3 grupos os martes en horarios de 17.00 a 18.00, de 18.00 a 19.00 e de 19.00 a 20.00 horas; e o coreodane será os venres de 17.00 a 18.00 horas.

O pavillón do Ceip O Cantel acollerá o curso de patinaxe artística os luns de de 18.00 a 19.00, de 19.00 a 20.00 e de 20.00 a 21.00 horas e os xoves de de 20.00 a 21.00 e de 21.00 a 22.00 horas, e os venres haberá un curso de multideporte de 18.00 a 19.00 horas e un de tenis de 19.00 a 20.00 horas.

A actividade de teatro será na sala Bahía os mércores de 18.15 a 19.45 horas, e o centro social acollerá un curso de ballet os martes de 18.00 a 19.00 horas, e un de cerámica os xoves de 17.45 a 19.15 horas.

Deberase indicar a preferencia de actividade por orde poñendo unha como actividade preferente e outra como secundaria, e sucesivas.

Se algunha disciplina non resultara cun mínimo de inscricións, non se impartirá.

A inscrición realizarase a través do envío do formulario, debidamente cumprimentado, declaración responsable sobre as condicións de saúde, e a tarxeta sanitaria, ao enderezo de correo electrónico edmfoz@concellodefoz.es ata o 30 de setembro.

De existir máis inscricións que prazas nalgunha actividade, terán prioridade aqueles nenos/as que cursaran a tempada 2020/2021 das Escolas Deportivas Municipais de Foz, que estén empadroadas/os en Foz a data 15/09/2021 e cuxos proxenitores traballen, así como familias monoparentais ou monomarentais na mesma situación.

Resérvase un 20% de prazas a persoas en situación de vulnerabilidade, beneficiarias de programas sociais.

A cota de inscrición será de 15 euros ao mes por unha actividade e 17 por dúas ou máis. As familias numerosas terán un desconto do 50%.