Skip to main content
Barreiros

Ana Ermida valora positivamente os datos de ocupación de verán

Por 3 Setembro, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, valorou positivamente os datos de ocupación existentes en Barreiros, que rondaron o 95% no mes de agosto e entre o 75-80% no mes de xullo.

Trasladou igualmente o desexo de que en vindeiros anos se consolide o nivel de visitantes, se ben chama a atención sobre a necesidade de adaptar as infraestruturas para a recepción das persoas foráneas e de traballar na posta en valor e no respecto ao territorio e á poboación local, para poder garantir unha convivencia óptima tamén nestes meses.  

Así mesmo, quixo trasladar ao persoal das praias “o agradecemento do goberno municipal pola implicación amosada e o traballo realizado nunhas circunstancias durísimas, coas praias cheas de xente e moi poucos efectivos para levar a cabo as funcións encomendadas.”

Ana Ermida sinalou que foi fundamental a labor de prevención que se realizou por parte do persoal e que supuxo que nos 62 días de verán se levaran a cabo 6 rescates, o que é moi significativo tratándose das praias de Barreiros, cunha perigosidade e unhas condicións moi duras. 

Ermida volveu poñer enriba da mesa a “dificultade para atopar persoal de socorrismo, coa titulación e os requisitos esixidos en Galicia” e a “necesidade de poñerse desde hoxe mesmo a traballar conxuntamente as administracións e organismos para buscar solucións de cara a vindeiras temporadas”

Nese mesmo sentido, informou de que o Concello de Barreiros xa ten avanzadas propostas e traballa conxuntamente coa Dirección Xeral de Costas en solucionar eivas detectadas nesta tempada.