Skip to main content
Barreiros

O Concello xestionará o comedor do CEIP de San Cosme

Por 9 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Barreiros pasa a xestionar o  comedor escolar do colexio público de San Cosme para dar continuidade a un  servizo que ata o de agora viña prestando a ANPA deste centro e que neste curso non se puido facer  cargo “polo alto custo e dedicación e dispoñibilidade que iso conlevaba”, como explicaron.

A Xunta de Galicia, que xestiona outros comedores escolares, declinou  facerse cargo neste caso debido ao escaso número de alumnos dificultando a continuidade do alumnado cuxas familias precisan deste servizo para conciliar. Ante esta situación o Concello de Barreiros decidiu  asumir a xestión. Para o concello, este servizo é moi necesario e esencial  e aínda que non é competencia municipal asumímolo por responsabilidade  e aproveitaremos para poñer en marcha programas de alimentación saudable” anunciou Montserrat Porteiro, concelleira de Educación.

Coa asunción deste novo servizo o Concello de Barreiros facilitará  tamén a conciliación familiar. Así o manifestou  Montserrat Porteiro que hoxe visitou o comedor do  colexio e afirmou tamén que desde o concello de Barreiros “pretendemos que as nenas e os nenos adquiran hábitos nutricionais saudábeis ao mesmo tempo que promocionamos o consumo de produtos frescos e de proximidade”. Explicou así mesmo que os menús están elaborados por unha nutricionista de acordo cos criterios da Xunta en materia alimentaria tendo en conta tamén as táboas de alérxenos.

O custo do servizo de comedor obedece a criterios obxectivos e progresivos en función da renda familiar seguindo os baremos dos comedores escolares públicos.

Con esta iniciativa o Concello de Barreiros pretende seguir garantindo un servizo tan importante e esencial como é  o  comedor escolar e mellorándoo  e contribuíndo á educación para a saúde en materia nutricional.