Skip to main content
Burela

Un ano máis, o bonito de Burela estivo en Turexpo

Por 6 Setembro, 2021Sin comentarios

A Concellería  de Turismo fai un balance positivo da presenza, un ano máis, de Burela en Turexpo, na Feira Semana Verde de Galicia durante esta pasada fin de semana. Onde tivo lugar unha degustación de bonito na que se serviron 300 racións en diferentes preparacións. O edil, Ramiro Fernández Rey, mantivo contacto con varios blogguers aos que lles presentou os atractivos turísticos do concello burelés.  

O concelleiro de Turismo relatou que “esta fin se semana estivemos na Semana Verde de Galicia, en Silleda. Alí tivemos o noso stand onde promocionamos todos os produtos turísticos do concello ademais da Feira do Bonito. A lectura que facemos da asistencia a esa feira é moi positiva en tres aspectos basicamente. O primeiro é que o noso stand foi moi visitado. Houbo moitísima xente que se interesou polos recursos turísticos que ofrecemos en Burela. En segundo lugar, fixemos unha degustación de bonito onte domingo, onde repartimos 300 racións de túnido en diferentes preparacións, unha delas era en albóndigas, outra en empanada e outra en salpicón. Tivo moito éxito e á xente gustoulle moito a degustación”.

Fernández Rey tivo tamén palabras de agradecemento: “queremos agradecer a Ledicia, que foi a encargada da elaboración do bonito polo traballo feito e o que nos axudou para poder levar a cabo a degustación. Tamén queremos agradecer a ABSA, que nos doou o bonito para poder facer a degustación”.

O edil burelés subliñou que “outro aspecto importante foi que tivemos contacto con varios blogguers tanto turísticos como gastronómicos. Estivemos falando con eles e pode ser un contacto bo para o turismo de Burela. Tamén agradecemos a Conservas Faro de Burela, que desinteresadamente nos regalou dúas caixas con produtos que elaboran na súa conserveira para sortear entre os blogguers”. 

E engadiu: “en definitiva, facemos un balance positivo desta feira á que xa levamos varios anos indo. Estamos contentos de poder asistir a ela. Entendemos que é unha feira moi interesante para o turismo que temos en Burela e imos intentar estar nela sempre que sexa posible facendo degustacións e dando a coñecer todos os atractivos turísticos de Burela”.