Skip to main content
Burela

Burela celebra dende o xoves a Semana da Mobilidade

Por 13 Setembro, 2021Xuño 21st, 2022Sin comentarios

Do 16 ao 22 de setembro terá lugar en Burela a Semana Europea da Mobilidade 2021. O programa de actividades foi presentado hoxe polo alcalde, Alfredo Llano, e pola concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo.

Haberá charlas de educación vial nos centros de ensino, circuíto de educación vial na Praza do Concello  e tamén actividades deportivas (ensaios de ximnasia rítmica, exhibición de baile de salón…), entre outras propostas. Toñi Eijo subliñou que “de xoves a domingo contaremos cun sistema gratuíto de préstamo de bicicletas eléctricas na Praza do Concello de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas, debido á boa acollida que tivo na edición pasada. Ademais neste 2021 aquelas persoas que leven a súa bicicleta tuneada á Praza do Concello o mércores, 22 de setembro, pola tarde entre as cinco e media e as sete e media, entrarán no sorteo de 3 vales de compra de 20 euros cada un, que son doados por Acia Burela”.

A edil de Medio Ambiente contou que “o domingo, día 19, será o Día Sen Coches en Burela. Entre as oito da mañá e as oito da tarde estarán cortadas ao tráfico varias rúas, Pardo Bazán, entre as interseccións de Eijo Garay e Lamestra; Eijo Garay, entre Rosalía de Casto e Pardo Bazán; e Curros Enríquez á altura da rúa Castelao. Neses vieiros haberá xogos deportivos ao aire libre, xadrez na rúa e taller de cociña infantil. E na Praza da Mariña haberá mesas informativas das diferentes asociacións do noso pobo e taller de chapas, entre outras actividades”.

Alfredo Llano e Toñi Eijo convidan á veciñanza de Burela “a participar na programación que deseñamos e que se desenvolverá do 16 ao 22 de setembro, co obxectivo de concienciar á poboación da importancia que ten moverse de xeito sostible, pola saúde de todas e todos nós e tamén pola saúde do noso medio ambiente”.

A concelleira burelesa engadiu que “tamén nesta edición da SEM seguiremos a concienciar sobre a recollida do lixo e da reciclaxe no stand punto limpo, que estará na Praza do Concello o día 17 e noutra localización o día 21. Haberá unha ruta xeolóxica pola Marosa o sábado, así coma un tramo da ruta circular coa Anpa do Ceip Vista Alegre”.

Eijo e Llano tiveron palabras de agradecemento “para todas as asociacións e colectivos que un ano mais colaboran co Concello de Burela na organización das actividades da Semana Europea da Mobilidade”.

CONSULTA O PROGRAMA NESTE ENLACE