Skip to main content
Burela

O Pleno de Burela someterá a aprobación a conta xeral de 2020

Por 29 Setembro, 2021Sin comentarios

No Concello de Burela terá lugar un pleno ordinario este xoves, 30 de setembro, ás 20.00 horas. Na sesión, que será presencial pero tamén poderá seguirse vía streeming, someterase a aprobación definitiva a conta xeral de 2020, tras concluír o período de alegacións. O alcalde, Alfredo Llano, dixo que non foi presentada ningunha e subliñou a fluidez económica do Concello burelés. Tamén irá a pleno unha moción de apoio aos traballadores de Vestas, en Viveiro, tal e como acordaron os alcaldes no encontro que mantiveron o pasado venres. 

Alfredo Llano anunciou que “a este pleno vai ir a aprobación definitiva da conta xeral, que xa foi informada e debatida na mesa xeral de economía no Concello. Houbo un prazo de alegacións e non se presentou ningunha, polo tanto estamos en condicións de aprobala definitivamente neste pleno”.

O alcalde burelés destacou que “a conta xeral do Concello de Burela concreta unha serie de especificacións durante o ano 2020 con respecto á economía deste Concello. Aí figura todo o que fixo tanto en pagos como en cobros e na recepción de axudas. Hai que destacar a fluidez económica e vese claramente o remanente de tesourería que temos. Así que espero que non haxa ningún problema para aprobar este punto como outro que levamos relativo a temas laborais internos do Concello”.

O rexedor contou que “imos levar unha moción conxunta, que espero que os tres grupos aprobemos sen ningunha dificultade, sobre Vestas, a factoría de Viveiro que queren pechar a 31 de decembro deixando sen traballo a unhas 115 persoas. Xa tivemos o outro día unha reunión de todos os alcaldes, xunto co comité de empresa, en Viveiro, e acordamos presentar por unanimidade esta iniciativa en todos os concellos, cando teñamos un pleno, para lembrar que non estamos para nada de acordo con que se peche esta factoría, e ademais que se atendan, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o goberno de España, as reclamacións que se poidan facer a partir de agora para que siga aí. Penso que é unha obriga para os traballadores e para toda a comarca da Mariña”.

Por outra banda, o portavoz do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, asegura que “quen mestura as cousas e trata de confundir á veciñanza, unha vez máis, é o alcalde Llano”. Así o manifestou tras coñecer as súas declaracións en relación á sentenza que condena ao Concello a indemnizar con máis de 40.000 a unha traballadora xubilada por incapacidade  permanente e total recoñecida polo Instituto da Seguridade Social e nas que di que o Partido Popular malinterpreta as cousas, que non hai sentenza e que o xuízo é en novembro”.

O voceiro do Grupo Municipal Popular burelés explica que “coas súas declaracións sobre a Policía Local, o señor Llano volve demostrar a súa absoluta falta de traballo. Efectivamente hai un convenio asinado entre o Concello de Burela e a Academia Galega de Seguridade para que esta faga os procesos selectivos para cubrir os postos vacantes na Policía Local; pero, por si só, non chega a nada. É un convenio marco para que a Academia Galega de Seguridade convoque os procesos selectivos; pero o alcalde ten que comunicarlle por escrito cantas prazas queren crear para este ano ou para o que vén e solicitarlle que as inclúa nos procesos selectivos que poña en marcha”.

O Grupo Municipal Popular tenlle solicitado documentación ao Concello para coñecer se o alcalde así o fixo, “pero aínda non nos respondeu. Este é un indicativo de como está a situación; a pesar de que leva sei anos anunciando a creación das prazas de Policía Local”.