Skip to main content
Foz

O Concello de Foz adxudicou as obras de reforma do bar dos xubilados

Por 3 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Foz adxudicou por 60.984,99 euros, consignados con fondos propios, o reacondicionamento da cafetería do Centro Social -o bar dos xubilados- e as obras de reforma da planta administrativa de Asuntos Sociais.

A adecuación do bar dos xubilados supón 43.084,99 euros de investimento e as obras na planta administrativa de Asuntos Sociais ascenderán a 17.900 euros.

O alcalde, Fran Cajoto, anuncia tamén a licitación das obras de ampliación do Centro de Seguridade Viaria situado no peirao, que “albergará un local axeitado para as necesidades do colectivo de discapacitados e permitirá que a Asociación Virxe do Carme poida continuar co seu gran labor, por un importe de 58.834,29 euros”. O prazo de presentación de ofertas remata o 22 de setembro.

O rexedor municipal explica: “sempre cumprimos cos nosos maiores e vámolo seguir facendo. Non con palabras ou discursos, preferimos demostrar o noso compromiso con feitos. Cremos que  recuperar o bar dos xubilados como punto de reunión dos nosos maiores é unha necesidade. Así fora concibido. Debemos cumprir a normativa de accesibilidade e facer unha cafetería cómoda e atractiva, adaptada ás persoas que teñen dificultades de mobilidade. Reformaranse os baños para que poida acceder unha cadeira de rodas, a cafetería contará cunha entrada propia desde o exterior e abriremos unha terraza sobre o peirao de Foz. Estamos desexando ver o resultado e que estea á altura dos xubilados de Foz”.

Fran Cajoto destaca que “unha vez feita a reforma, o Concello de Foz procederá a sacar a concurso público a concesión da cafetería. Agardamos que o proceso sexa o máis áxil posible, para que os nosos maiores poidan desfrutalo canto antes. Esta obra súmase a outras iniciativas do Concello para facer un Foz máis cómodo para a terceira idade, como a rampla de acceso á residencia e as actuacións que se están a facer nas rúas de Foz, como a recente urbanización da rúa Julia Minguillón ou o convenio asinado esta semana para a demandada obra de beirarrúas ata o cemiterio. Ademais vaise a reformar a planta administrativa de Asuntos Sociais. Debemos atender da mellor forma posible aos colectivos máis vulnerables, que acoden ao Concello como administración máis próxima para expoñer os seus problemas; é a nosa máxima prioridade”.

E a concelleira de Servizos Sociais e Familia, Ana Rojo, manifestou: “faime especialmente ilusión, xunto co alcalde e o resto de concelleiros do equipo de goberno, poder trasladar ós veciños e veciñas, ós nosos maiores, que en poucos días, van comezar as obras de reforma do local social dos xubilados, que necesitaba reformarse, acondicionarse e adaptarse a nova normativa. Dende sempre a reforma do local sempre estivo na nosa folla de ruta, o noso  compromiso de goberno é con todos os veciños e veciñas pero tamén concretamente cos nosos maiores. O tempo quita ou dá razóns: neste caso o proxecto acadado no seu momento e o traballo dará os seus froitos en breve, cun local totalmente reformado e acondicionado, para uso e disfrute dos maiores, xubilados e veciños de Foz, onde poderán pasar horas de lecer coas mellores vistas”.

Ana Rojo engade: “tampouco nos esquecemos dos nosos rapaces (fillos de xubilados de Foz) da asociación Virxe do Carme, que tamén terán noutro lugar o seu espazo acondicionado, para poder levar a cabo traballos de orientación e inclusión na vida social, como corresponde. Tamén se procederá á reforma das oficinas de servizos sociais, obra necesaria de ampliación de despachos, arquivo, baños, sala de espera, etcétera. Así poderase atender ós usuarios con máis privacidade, cun servizo de atención máis personalizado se cabe, buscando sempre o benestar dos usuarios e dos propios traballadores do centro social”.