Skip to main content
Foz

Foz presentou a súa campaña para atraer teletraballadores e fixar poboación

Por 19 Setembro, 2021Setembro 20th, 2021Sin comentarios

Na tarde de hoxe, sábado, o Concello de Foz presentou no Cenima a súa nova campaña Vive e traballa en Foz, que incide en dar a coñecer os beneficios de residir nun lugar coma Foz para todos aqueles que teletraballan e viven en cidades.

A concelleira de Emprego, Inés López Couto, explica que “o vídeo realizado está pensado para atraer poboación das cidades, que dende a chegada do covid teletraballa e vive en pisos pequenos e sen posibilidade de saír pasear á natureza sen coller o coche. O teletraballo agora permite vivir a moitos quilómetros da sede da empresa, polo que a calidade de vida pode mellorar de forma exponencial. Ademais do spot realizouse unha web na que que se poden consultar contidos e contactar para obter información. Foz ten as características necesarias tanto no casco urbano como nas parroquias para ofrecer aos teletraballadores un lugar perfecto para exercer a súa profesión e mellorar a calidade de vida”.

O alcalde focense, Fran Cajoto, móstrase optimista porque “as novidades nas metodoloxías de traballo e a mellora das comunicacións no rural permiten que se poidan dinamizar de novo as nosas parroquias e ofrecerlle á xente nova e familias con nen@s un lugar cómodo, tranquilo e cos servizos necesarios para vivir.”

Dende o Concello agradecen a colaboración dos seus veciñ@s para a realización deste vídeo, que de forma desinteresada protagonizaron esta gravación.

Ademais a Concellería de Turismo mostrou unha selección das imaxes que se tomaron durante estes meses para conformar un banco fotográfico focense para uso municipal. “É moi importante gardar a memoria dos nosos paisaxes, por iso comezamos este proxecto que serve para obter un arquivo de fotografías do noso fermoso concello, que servirán para dinamizar as campañas turísticas”, comentou o edil Jose María Linares.

Para rematar Fran Cajoto destacou que “Foz aumenta de poboación, pasamos de pouco máis de 10.000 a 10.300 habitantes no que levamos de goberno. Miramos o futuro con optimismo”.