Skip to main content
Foz

Foz conta co primeiro banco de fotos oficial

Por 20 Setembro, 2021Sin comentarios

Foz conta co primeiro banco de fotos oficial e así o fixo público o concelleiro de Turismo, Chema Linares, que comentou que “parece mentira, cando son moitas as fotografías que diariamente veciños e turistas colgamos nas redes, que o Concello de Foz ata agora non contara cun banco de fotos, moitas veces solicitado dende a oficina de turismo. Son moitas as revistas, publicacións, semanarios, xornais ou particulares que continuamente nos piden fotos dos diferentes recursos turísticos ou recunchos do noso concello; como recentemente para elaborar un libro sobre os castelos e fortalezas de España, da fortaleza do mariscal Pardo de Cela na Frouxeira, ou para un traballo sobre os paseos marítimos en Galicia, da Sociedad Estatal para la Gestión de la Innovación y las Tecnologías Turísticas (SEGITTUR), tendo que acudir a fontes externas para conseguir tales fotografías”.

Chema Linares destaca que se trata “dun traballo de máis de 270 fotografías de diferentes lugares e recursos do noso concello, no que están representadas as nove parroquias, as praias, os paseos, as rutas, a ría, o pobo, as igrexas e capela e, como non, o castro de Fazouro e a Basílica de San Martiño. É un traballo de longa de duración, de varios meses, xa que as condicións lumínicas e a propia natureza non son as  mesmas en cada estación do ano nin en cada momento do día, ou mesmo as praias non son as mesmas con marea baixa ou chea”.

Para rematar o edil de Turismo engadiu que “con este traballo e outros en tramitación esperamos nutrir a nova web turística que se vai elaborar para o Concello de Foz e que xa está presupostada nos orzamentos deste ano”.