Skip to main content
Axenda Caducada

Camiño Escena Norte levará as artes escénicas por catro municipios galegos

Por 6 Setembro, 2021Outubro 1st, 2021Sin comentarios

A terceira edición do programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte achegará, a partir do vindeiro 12 de setembro e até o 10 de outubro, numerosas propostas escénicas de diversas disciplinas e formatos por nove localidades galegas.

O Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, acolleu esta mañá a presentación da nova edición dun proxecto que, por terceiro ano consecutivo, pretende expandir e dinamizar o sector escénico que se vertebra arredor do territorio que percorre o Camiño no Norte da península. Baixo o lema Volver camiñar, neste 2021 o programa consolidará a súa ambiciosa proposta de aposta pola creación de proximidade e contará cun total de 11 espectáculos en xira, no marco do programa de exhibición Itinerario Constelacións, e 37 sedes repartidas nas catro comunidades autónomas; ademais de incrementar o número de actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos e de encontros co público, cada vez máis amplo e diverso.

No caso de Galicia,  no que o programa conta co apoio destacado da Xunta de Galicia, o público poderá gozar ao vivo de sete espectáculos que xirarán polas sedes que conforman a rede de produción escénica no territorio, que este ano ascenden a nove logo da incorporación de Melide. Así,  Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Negreira, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado dos Monxes e Vilalba acollerán nove funcións das compañías asturianas A66 Producciones (Abre el ojo) e Meraki Cía (Amalgama); das cántabras Anabel Díez / El Tejo Producciones (La casa de Bernarda Alba), Babirusa Danza (La naturaleza del silencio) e La Machina Teatro (Olivia y las plumas); e das vascas Marie de Jongh (Ikimilikiliklik. Mi pequeña) e Ados Teatroa (Lloviendo ranas).

Xunto ás funcións, integradas no Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte espalla a súa actividade coa liña de programación Camiño Expandido, de xeito que as exhibicións se acompañarán de diversas actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos, como obradoiros de contextualización ou de movemento, ademais de encontros coas compañías ao finalizar a función.

Estas actividades dirixidas ao público xeral, enmarcadas na liña Refuxios da programación do Camiño Expandido, tamén inclúen iniciativas de participación -que se darán a coñecer nas RRSS de Camiño Escena Norte e na web, www.escenanorte.com-, e oito encontros en liña. Os encontros comezarán a semana que vén e, nun primeiro momento, darán a coñecer as compañías participantes no Itinerario Constelacións e os seus espectáculos. Hoxe presentaranse as compañías galegas; o martes 7 as asturianas, o mércores 8 as cántabras e o xoves 9 as vascas. Todos os encontros poderanse seguir, ao vivo, entre as 20.00 e as 21.00 horas no Youtube de Camiño Escena Norte.

A partir do luns 13, e de xeito semanal (todos os luns durante catro semanas), celebraranse encontros en liña con distintos axentes do sector autonómico e estatal nos que se reflexionará sobre cuestións de actualidade, retos e problemáticas das artes escénicas profesionais. As mesas, abertas ao público e que se poderán seguirna canle de Youtube do programa (de 20 a 21 horas), serán: Residencias e centros de creación: cara unha apertura dos espazos alén da exhibición (13 de setembro), Circuítos escénicos profesionais de distribución de artes escénicas: Modelos de funcionamiento e retos de futuro (20 de setembro), Artes escénicas e sustentabilidade: retos de futuro (27 de setembro); e Deixade que o teatro cure: as artes escénicas como catalizadores de procesos de mellora persoal e social (3 de outubro).

A escena galega viaxa a Asturias, Cantabria e Euskadi

No marco deste programa de intercambio e de promoción da diversidade lingüística e de formatos escénicos, tres compañías galegas levarán a Asturias, Cantabria ou Euskadi os seus espectáculos para amosar as algunhas das producións máis recentes na nosa escena. É o caso de Elefante Elegante (Dreaming Juliet), Tanxarina (A galiña azul) e Nova Galega de Danza (Leira), esta última finalista dos Premios Max 2021. As localidades de Xixón, Mieres, Potes, Torrelavega, Castro Urdiales, Santoña, Santander, Eibar e Mutriku acollerán, ademais das funcións, diversos obradoiros e encontros co público.

MONDOÑEDO E LUGO

  • A66 Producciones (Asturias)
  • Abre el ojo, de Francisco de Rojas Zorrilla
  • 18.09.2021 | 20.00 horas
  • Praza da Catedral, Mondoñedo (se chove: Auditorio Municipal Pascual Veiga)
  • Entrada libre ata completar capacidade do espazo. Público a partir de 15 anos.

 

  • 19.09.2021 | 18.30 horas
  • Auditorio Municipal Gustavo Freire, Lugo
  • Entrada libre ata completar capacidade, previa retirada de convites a través do web
  • www.entradaslugo.es (máximo 2 convites por persoa). Público a partir de 15 anos.
  • Ao finalizar a función, haberá encontro entre o público asistente e a compañía.

Don Clemente, após seis anos de amor con Dona Hipólita, está canso e visita a Dona Clara, que pola súa banda goza dos favores de catro homes. Dona Clara acaba de mudar de casa, á que chega Don Clemente para pedirlle explicacións. Pola súa banda, Don Clemente tamén tivo tratos íntimos con outras mulleres. Un e outra, xunto cos seus respectivos amantes, vense envoltos en situacións de enredo hilarantes nas que os celos, as escusas e as inútiles manobras para escapar de tesituras comprometidas, conforman unha comedia elegante e moi divertida.

RIBADEO

  • Anabel Díez / El Tejo Producciones (Cantabria)
  • La Casa de Bernarda Alba, de Federico García Lorca
  • 25.09.2021 | 20.30 horas
  • Auditorio Municipal Hernán Naval, Ribadeo
  • Entrada libre ata completar capacidade do espazo. Público adulto.

Após a morte do seu segundo esposo, Bernarda Alba reclúese e impón un loito rigoroso e asfixiante por oito anos, prohibindo ás súas cinco fillas a que vaian á festa. Cando Angustias, a primoxénita e a única filla do primeiro marido, herda unha fortuna, atrae a un pretendente: Pepe o Romano.

VILALBA

  • Marie de Jongh (Euskadi)
  • Ikimilikiliklik. Mi pequeña, de Jokin Oregi
  • 01.10.2021 | 18.00 horas *
  • Auditorio Municipal Carmen Estévez, Vilalba
  • Entrada libre previa reserva en www.entradasvilalba.es. Público infantil e familiar.
  • Ao finalizar a función, haberá encontro entre o público asistente e a compañía.

Cando Martirio era pequena asustábase por múltiples razóns, pero había dúas, en concreto, que lle provocaban un pavor abafante: ver a alguén desprotexido e as bruxas, esas solitarias e malvadas mulleres que viven en vellos cortellos no alto da montaña. Martirio, querendo protexer á súa querida arañiña, foi superando unha chea de medos. Así nolo conta a propia Martirio quen, xa de maior, converteuse …nunha “bruxa”. Unha historia de bruxas sen bruxas, unha historia de valentes sen valentes, unha historia máxica sen magos, unha historia de nenos que non son tan nenos e uns maiores que non o son tanto.