Skip to main content
Navia de SuarnaOurolPantónSober

A Deputación adxudica obras en Sober, Pantón e Ourol e unha axuda para Navia

Por 25 Setembro, 2021Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do ensanche e renovación dun novo tramo da LU-P-5903, de Sober a Doade, e a rehabilitación do firme en tres vías de Pantón, ademais do modificado do proxecto para acondicionar outras tres estradas ao seu paso polo concello de Ourol. Tamén aprobou o convenio co concello de Navia de Suarna para a compra dunha miniescavadora.

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres novas actuacións para mellorar a rede provincial de estradas cun investimento total que ronda os 300.000€ para actuacións en vías que discorren polos concellos de Sober, Pantón e Ourol.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou da adxudicación das obras para o ensanche e renovación dun novo tramo da estrada LU-P-5903, de Sober a Doade, a Fevisa Vías e Obras S.L. por un importe de 118.580€. Os traballos consistirán no ensanche da calzada ata os 5,5 metros, drenaxe, afirmado e pavimentación con aglomerado, ademais da sinalización horizontal da estrada. Con esta actuación, a Deputación dá continuidade ao tramo entre o punto quilométrico 13 e o 13,740, ao que dedica outro investimento de case 100.000€. Con estes dous tramos, só quedaría outro pendente de acondicionar desta vía, subliñou García Porto.

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación das obras de rehabilitación do firme de tres estradas en Pantón por preto de 170.000€ á empresa Ecoasfalt S.A. A Deputación actuará no firme da estrada LU-P-4110, que conecta Arribada, na parroquia de San Fiz de Cangas, con Budián, en San Romao de Acebre, nun tramo de algo máis de 5 quilómetros; da LU-P-4111, que comunica Santiago de Castillón desde Ferreira de Pantón, nun tramo de máis de 9 quilómetros, entre os núcleos de Santa Mariña de Eiré e Marce; e da a LU-P-4114, que une Toldaos con Augas Santas, nun treito de preto de 4 quilómetros.

Neste caso, os traballos consistirán na rehabilitación integral do firme destas estradas en treitos que suman en total 18 quilómetros e o prazo de execución é de 5 meses. García Porto destacou a importancia destas actuacións porque “son vías moi utilizadas polos veciños e veciñas do concello de Pantón”.

Tamén en materia viaria, a Xunta de Goberno aprobou o modificado do proxecto para a mellora de tres estradas provinciais ao seu paso polo concello de Ourol. Con este cambio amplíase o orzamento inicial da obra en 50.000€, polo que o importe total finalmente investido é de 300.000€. Esta modificación “débese a que as obras, que xa están en marcha, foron aprobadas hai tempo, pero as choivas do pasado inverno empeoraron algúns dos tramos de vía e os técnicos detectaron novas necesidades”, detallou a Voceira socialista.

NAVIA DE SUARNA

Así mesmo, na reunión do Goberno saíu adiante un convenio de colaboración da Deputación co Concello de Navia de Suarna para a compra dunha miniescavadora cunha achega provincial de 60.000€, o orzamento íntegro que é necesario para a súa adquisición. “Cumprimos deste xeito coa función esencial desta Deputación, que é colaborar cos concellos da provincia para que poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, afirmou Pilar García Porto.