Skip to main content
Ribadeo

O PP ribadense di que o goberno local “ameaza ás entidades deportivas”

Por 15 Setembro, 2021Sin comentarios

O coordinador popular de Deportes, Tito Suárez, amosou a súa “pena, vergoña e decepción despois de que o alcalde cualificase como pírricas as aportacións que reciben as asociacións por parte da Xunta”.

A este respecto, sinalou que “co tempo que leva este señor en política debería saber o que costa conseguir subvencións ou facer os trámites ante a administración para conseguir colaborar cos colectivos, é dicir, con Ribadeo e cos veciños que é en quen reverten estas axudas”.

Tito Suárez aclara que “detrás desas caxigaliñas -como di o alcalde- está o traballo das asociacións, xa sexan deportivas ou veciñais, que teñen que elaborar unha memoria da actividade para a que pediu a colaboración. Dende o Grupo Municipal Popular colaboramos facendo xestións ante a Xunta, despois dun traballo contrastado das asociacións, para conseguir o que as asociacións requiren e acreditan con documentación: unhas veces polos, outras camisetas, outras sudaderas e outras veces, trofeos”.

O coordinador popular de Deportes explica que “a Xunta de Galicia aportou ao deporte ribadense un total de 122.876 euros neste mandato”. E aclara que “dende o Grupo Municipal Popular nos dedicamos a colaborar coas asociacións deportivas para aquilo no que piden o noso apoio”.

Pola contra, advirte o popular que “o goberno local se dedica a facerlles chegar requirimentos ás entidades que reciben axudas da Xunta para que nun prazo determinado de tempo presenten documentación indicando onde se vai investir a subvención do Concello ou, senón, se lle retirará a axuda municipal alegando que dispoñen de aportación doutra administración. E para iso acompañan unha foto-pantallazo do facebook persoal do portavoz, Daniel Vega, onde explica a colaboración da Xunta”, apunta.

O popular cre que é “incomprensible e aberrante” porque vén a supoñer que “ou fas o que eu digo, ou estás contra min”.

Tito Suárez amosa o seu orgullo do deporte ribadense. “Para nós as axudas só son cifras” e “do que nos sentimos verdadeiramente orgullosos é dos deportistas da nosa vila e dos seus logros, como demostran os premios do ano pasado en case todas as disciplinas”. Polo tanto, “o Grupo Municipal Popular seguirá colaborando con todas as entidades deportivas de Ribadeo”, conclúe.