Skip to main content
Ribadeo

O PP de Ribadeo esixe ao Goberno local que permita as obras nas escolas parroquiais

Por 17 Setembro, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo esixiralle ao goberno local do BNG que permita ás asociacións de veciños realizar as obras nas vellas escolas das parroquias de Rinlo, Vilaselán e Cubelas que xa percibiron a subvención da Xunta.

O voceiro, Daniel Vega, explica que “ante a negativa do alcalde e do goberno local do BNG a que a Xunta invista en Ribadeo, vémonos na obriga de solicitar a celebración dun pleno extraordinario da corporación municipal para debater sobre un problema creado polo alcalde e o BNG: a negativa a conceder permiso para dar inicio ás obras”.

Vega engade que “o único que fixeron as asociacións de veciños foi solicitar unha subvención para solucionarlle un problema ao Concello” porque “tanto as escolas de Rinlo, coma Vilaselán ou Cubelas están abandonadas polo goberno local que investiu 0 euros na súa mellora”

Os colectivos veciñais implicáronse en buscar unha solución e en tramitar unha axuda ante a Xunta e agora xa contan cos cartos ingresados, pero continúan pendentes de poder empezar as obras. “A asociación de Rinlo recibiu 17.000 euros, tamén Cubelas dispón xa de 17.000 euros e o colectivo veciñal de Cubelas recibiu 12.423 polo que as obras poderían estar xa en marcha”, apunta. As melloras previstas diríxense a solucionar problemas na cuberta, mellorar o acceso e dotar de ventás ás escolas; xa que “a escola de Cubelas practicamente non ten ventás”.

Vega di que “non é xusto que o goberno local do BNG insulte ás asociacións nin tampouco que o alcalde e o seu goberno impidan que a Xunta invista en Ribadeo. Levan dicindo moito tempo que a Xunta non inviste en Ribadeo, pero iso é falso. A verdade é que o alcalde e o BNG non queren que a Xunta invista en Ribadeo”.

O Grupo Municipal Popular está centrado en traballar por Ribadeo e para os ribadenses e por iso solicitamos este pleno extraordinario para esixir que o Concello conceda o permiso para executar as obras previstas lembrando que “non fai falta licenza”.

O popular lamenta o dobre discurso do goberno do BNG de, por un lado, poñer problemas amparándose nas licenzas -como pasou coas obras na escola infantil e no colexio público- ás inversións da Xunta; e, por outra, “non poñer dificultades para arranxar edificios de titularidade municipal con axudas doutras administracións. É inxusto, polo tanto, que non permitan desenvolver estas obras tan demandadas polos veciños e polas que dende o Concello non se interesaron o máis mínimo”.

“É de xustiza que as asociacións poidan empezar as súas obras e iso é o que imos pedir no pleno extraordinario que dende o Grupo Municipal Popular vimos de solicitar”, conclúe.