Skip to main content
Ribadeo

De outubro a decembro Apaga impartirá seis cursos en Ribadeo

Por 27 Setembro, 2021Sin comentarios

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga) presentou a súa oferta formativa para o último trimestre deste 2021. Son un total de 6 cursos, que foron organizados atendendo á demanda das empresas da zona. O primeiro, sobre eléctrodo revestido, terá lugar os días 2 e 3 de outubro. 

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, dixo que “para o último trimestre do ano desde a asociación Apaga presentamos unha serie de accións formativas, enfocadas tendo en conta as demandas das empresas e as necesidades de xente formada. Hai dous bloques: no primeiro están os cursos de soldadura, tanto de eléctrodo revestido como de sistema Mig-Mag e Tig, ademais doutras tres accións, que son cursos de tubaxe industrial, de soldadura de aluminio e de calderero”. 

Doural explicou que “son accións sumamente demandadas polas empresas, non podemos asegurar que vai haber inserción laboral inmediata, pero a xente que verdadeiramente queira traballar neste sector ten moitas posibilidades de poder inserirse laboralmente polos contactos e a relación que nós temos con empresas do sector”.

O presidente de Apaga contou que “estes cursos van ser en outubro, novembro e principios de decembro. A través do noso correo electrónico (apagaribadeo@gmail.com) poden contactar con nós os interesados en facer algunha destas accións formativas, que van ser en Ribadeo”. 

E engadiu: “tamén vai haber un segundo bloque, que neste momento aínda non ten datas, que incluirá un curso de inxección electrónica no automóbil, outro sobre o sistema de freos nos vehículos e un máis de impresoras 3D. Ademais vai haber un curso on line sobre vehículos eléctricos, algo que tamén está moi demandado e xa se fixeron tres cursos deste tipo o ano pasado. Agora vén cunha serie de melloras que se incorporan neste curso e vaise facer a través da nosa plataforma de formación a distancia. En principio, e salvo que apareza algunha sorpresa de última hora, para este trimestre este vai ser o paquete formativo de Apaga para rematar o ano”.