Skip to main content
Viveiro

Viveiro contará cun skatepark

Por 8 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro aprobou á moción para a creación dun skate park no municipio. A moción, presentada polo BNG, é tamén unha proposta que o grupo municipal PSdG-PSOE xa incluía no seu programa electoral e na que xa se está a traballar. 

De feito, o goberno municipal xa conta co orzamento dunha empresa especializada para a creación do skate park, cun importe que ronda os 80.000 euros. Tal e como se explicou durante o debate desta moción, a pandemia obrigou a reorganizar os programas e asumir gastos imprevistos, pero a creación dunha pista de skate estaba prevista e, polo tanto, a moción contou co voto favorable do equipo de goberno.

Con todo, dende o goberno municipal faise fincapé na necesidade de contar cuns orzamentos para poder levar a cabo calquera tipo de iniciativa ou actuacións. O goberno municipal explica que aínda que se propoña a execución de obras ou proxectos a través de subvencións, cómpre ter en conta que en practicamente todos os casos a financiación non é total, xa que a axuda non cubre o 100% do custe e se fai precisa a achega municipal.

Nese sentido, lémbrase que o BNG e o PP votaron en contra dos orzamentos municipais e que, polo tanto, se fose polos concelleiros destes dous grupos políticos, os presupostos non serían aprobados e isto implica unhas consecuencias evidentes. 

Lémbrase, por outra banda, que a concelleira do BNG xa presentara hai un ano unha moción na que se incluía un punto propoñendo a creación dunha pista de skate no espazo que está máis preto da residencia DomusVI. Durante o debate dese punto, que foi retirado da votación, por parte da Alcaldesa explicouse que o concello xa estivera valorando posibles ubicacións e que se entendía que o máis axeitado sería en Lavandeiras ou Lodeiro.

Dende o equipo de goberno celébrase que nesta nova moción, aprobada no día de onte, o BNG propoña que se consideren estes dous espazos, Lodeiro e Lavandeiras, para ubicar o skate park, atendendo deste modo ás propostas realizadas polo goberno municipal.