Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro remata os traballos en camiños nas parroquias de Vieiro e Galdo

Por 12 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa da finalización das obras de mellora de varias vías de titularidade municipal das parroquias de Vieiro e Galdo, incluídas dentro do “Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022”, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Estas axudas regúlanse mediante a Resolución do 28 decembro de 2020 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.

Estas axudas son concedidas por Agader a todos os municipios de Galicia e, malia que o Concello decide que pistas se inclúen, a selección de vías debe cumprir cos requisitos marcados por esta institución.

Deste modo, Agader establece nas bases das axudas requisitos como tratarse de camiños de acceso a parcelas agrícolas ou vías cunha lonxitude mínima. 

Esta situación provoca que o Concello de Viveiro non puidese incluír nos traballos todos os camiños que desexase mellorar e tivese que seleccionar aqueles que cumpren os requisitos de Agader. 

O proxecto para realizar estas actuacións contou cun investimento de 63.425 euros, incluíndo a execución de obras de mellora na Pista de Borralleiros, en Vieiro; e do Camiño da Veiga, Camiño do Cárcere e Pista da Pedrosa, en Galdo.

As obras realizadas consistiron en labores de mellora, mediante o reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axustadas ás características do tráfico rodado que soportan. Tamén se realizaron labores de mantemento, tanto do firme existente mediante o bacheo de determinadas zonas como de mantemento das marxes dos camiños mediante a limpeza de cunetas.