Skip to main content
Viveiro

A Policía Local de Viveiro merca un sofisticado lector de microchips

Por 15 Setembro, 2021Sin comentarios

Dende a área de Seguridade Municipal do Concello de Viveiro, responsabilidade da alcaldesa, infórmase que a Policía Local dispón dun lector de microchips máis sofisticado que co que se contaba ata agora, tras a súa renovación.

Este novo lector caracterízase por posuír unha antena que fai posible a lectura dos microchips a unha maior distancia, polo que favorece a seguridade dos axentes e o benestar animal ao non ter que acercarse tanto. Tamén é capaz de ler un maior número de microchips con respecto ao dispositivo anterior.

Este novo dispositivo empregarase para as funcións de inspección, vixilancia e control dos animais de compañía, especialmente dos cans, así como para a identificación daqueles que se atopen extraviados e a localización máis áxil dos seus propietarios, labor que é posible grazas ao acceso individualizado de cada axente ao Regiac (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía).

Neste sentido, o Concello de Viveiro lembra que as infraccións máis frecuentes que detecta a Policía Local con respecto á Lei de Benestar Animal de Galicia son a non recollida dos excrementos dos animais, animais vagando libremente pola rúa ou non levar a identificación pertinente. Este tipo de condutas, segundo o establecido na Lei de Benestar Animal de Galicia, implican sancións de ata 500 € no caso de infraccións leves e de ata 5.000 € no caso de infraccións graves.