Skip to main content
Viveiro

O BNG de Viveiro presentará unha moción para a creación dun Plan de Accesibilidade no Concello

Por 22 Setembro, 2021Sin comentarios

O BNG de Viveiro presentará unha moción para a creación dun Plan de Accesibilidade no Concello. Así, “o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma ten por obxecto garantir ás persoas con mobilidade reducida ou con calquera outra limitación a accesibilidade e a utilización do contorno urbano, de edificios, medios de transporte e sistemas de comunicación sensorial; e promover, pola súa banda, a utilización de axudas técnicas axeitadas que permitan mellorala calidade de vida das persoas. O artigo 13 establece a obriga por parte das entidades locais a adaptar de xeito gradual as vías públicas, parques e espazos públicos, así como as instalacións de servizos e mobiliario urbano”, di a voceira do grupo nacionalista Miriam Bermúdez.

“A primeira actuación do bipartito no 2003 foi a execución de obras para facer vaos peonís nas zonas de Lodeiro, Antonio Bas e Covas. Tras varias reunións coas asociacións implicadas para identificar aquelas zonas susceptibles de ser adaptadas, así como das necesidades das persoas con mobilidade reducida, incluído un percorrido por Viveiro con persoas afectadas polas barreiras”, di Bermúdez.

“Case 20 anos despois, a carencia de planificación do goberno do PSOE en canto a Accesibilidade no Concello de Viveiro, salta á vista, un simple paseo serve para atoparse con infinidade de barreiras arquitectónicas: maceteiros, bolardos, papeleiras, sinais ou farolas que non favorecen unha circulación cómoda (como na avenida Navia Castrillón, Ramón Canosa…), saltos de desnivel na beirarrúa sen corrixir como diante do conservatorio de música, beirarrúas estreitas e ramplas que non son practicables nin adaptadas ou con pavimento en mal estado como na rúa Verxeles, paseo marítimo de Covas, rúa Nicolás Cora Montenegro, rúa Grande de Celeiro, escaleiras e desniveis sen sinal luminosa nocturna como o paso por debaixo da ponte da Misericordia, escaleiras Xardíns Noriega Varela, oco sen recheo diante do centro comarcal, accesos que non son practicables nas praias de Covas e de Area, ou o parque Pernas Peón, ausencia de pasarelas enrolábles para o acceso ao mar nas praias, carencia de acceso ás gradas do pavillón municipal, piscina municipal sen sistema hidráulico para o acceso aos vasos, carencia de randeeiras adaptadas nos parques infantís…”, relata a nacionalista.

“E infinitas son as barreiras na comunicación: carencia de sinalización adaptada en edificios e dependencias municipais con pictogramas, braille, planos en relevo…, accesos a edificios municipais con portas sen célula fotoeléctrica, páxina web que segue sen ser accesible, ausencia de sistemas de bucle magnético ou sistema alternativo en edificios de participación cidadá (ex. Teatro), ausencia de intérpretes de lingua de signos en espazos culturais e actividades convocadas polo Concello”, engade.

Por todo isto “é preciso un Plan de Accesibilidade municipal como ferramenta de xestión. Un plan que non só servirá para ofrecer ás persoas con diversidade funcional os recursos para gozar dunha vida plena e en igualdade de oportunidades, senón que tamén beneficiará ás nosas persoas maiores, e en xeral, a toda a veciñanza. Sen esquecer que a día de hoxe o turismo accesible é un atractivo os 365 días do ano. En definitiva: un plan que ofrecerá un Viveiro cómodo, moderno e inclusivo”, remata dicindo Bermúdez.