Skip to main content
Axenda Caducada

Unha fin de semana de música e actividades en Láncara

Por 2 Setembro, 2021Setembro 6th, 2021Sin comentarios

O Concello de Láncara xunto coa Asociación Cultural Val de Láncara celebran unha fin de semana chea de actividades e de espectáculos dirixidos a toda a familia.

En primeiro lugar, o sábado día 4 de setembro a área recreativa de Láncara acollerá unha xornada de actividades fluviais e terrestres gratuítas. Tobogáns, kaiaks, paddle surf e rocódromos acuáticos, son algunhas das actividades das que todos os nenos e nenas que o desexen poderán gozar.

O horario no que se levará a cabo será de 16 a 19 horas e os participantes contarán con monitores especializados, que lles ensinarán e cos que farán as diferentes actividades dispoñibles.

Desta maneira, os nenos e nenas gozarán dunha tarde de río diferente, fresca e amena; na que se poderán xuntar veciños, veciñas e visitantes da vila.

En canto ao domingo 5 de setembro, a Asociación Cultural Val de Láncara organiza a última do verán. Desta maneira, a xornada contará con música e cun espectáculo de maxia que virá a cargo do Mago Lolo.

Así pois, o día comezará coa Charanga Os Charangos que actuarán de 14 a 15.30 horas e de 18.30 a 21 horas. Xusto antes desta segunda actuación da charanga, o Mago Lolo levará a cabo o seu espectáculo na casa Enriqueta de 17 a 18.30 horas. Xa para rematar, o dúo Dilema poñerá punto e final á xornada cunha actuación de 21 a 00 horas na casa Enriqueta.

Dúas xornadas cheas de música, actividades e espectáculos das que se poderá gozar e que encherán a vila dun ambiente festivo e ameno.