Skip to main content
Axenda Caducada

Curso en Chantada sobre o castiñeiro de froito

Por 3 Setembro, 2021Setembro 8th, 2021Sin comentarios

Chantada recibe a semana vindeira un curso sobre o castiñeiro de froito. Este curso está previsto o martes 7 de setembro no Telecentro.

A formación, que constará de catro horas en horario de tarde, persegue que os produtores e futuros produtores de castaña orienten as súas plantacións aos mercados actuais, cunha visión global dos coidados e mantementos que deben levar a cabo para unha mellora na saúde e na produción do froito.

Nesa liña, os contidos da iniciativa centraranse primeiramente nas razóns para enxertar e nos tipos de árbore. Canto á poda, falarase dos seus obxectivos e das particularidades da poda de formación e da poda de produción, así como das ferramentais ideais para levala a cabo.

Cómpre apuntar que o curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021. Precisamente nesta páxina poden atoparse o referido curso de Chantada e descargar a solicitude de asistencia correspondente, que deberá remitirse cuberta ao enderezo electrónico formacion.agacal@xuntal.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional poñéndose en contacto coa coordinadora do curso no teléfono 881997279.