Skip to main content
Axenda Caducada

O Pedro Murias de Ribadeo acolle un curso sobre polinizadores nos cultivos

Por 6 Setembro, 2021Setembro 9th, 2021Sin comentarios

O 9 de setembro o centro Pedro Murias de Ribadeo acolle un curso sobre a importancia dos polinizadores nos cultivos. A iniciativa está programada en horario de mañá, de 10.00 a 15.00 horas. 

Durante a formación, faráselle saber aos participantes que máis do 70 % das plantas con flor dependen da visita dos polinizadores para producir descendencia en forma de sementes. Así, non só coñecerán que existen múltiples especies ponilizadoras máis aló da abella doméstica, senón que tamén comprobarán que cando moitos polinizadores participan simultaneamente na produción de froitos e sementes, a colleita é de maior calidade. 

Deste xeito, os dous obxectivos primordiais da acción formativa son, por unha banda, amosar a importancia de manter un conxunto diverso de polinizadores para mellorar a produción dos cultivos, e por outra, propoñer alternativas de bo uso nas explotacións para conseguir dita finalidade. Neste senso, o programa contempla estratexias para a mellora e o mantemento da diversidade de polinizadores e a identificación das principais especies polinizadoras xunto coas súas interaccións co resto do medio, así como a avaliación práctica das cargas de pole depositadas por diferentes visitantes florais.  

Cómpre apuntar que este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. 

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. 

Na seguinte ligazón pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico pablo.gomez.nogueira@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional poñéndose en contacto co coordinador do curso no teléfono 982 828 553.