Skip to main content
Axenda Caducada

A exposición Asinamos ser libres, chega este mes á biblioteca de Lugo

Por 6 Setembro, 2021Setembro 15th, 2021Sin comentarios

A exposición itinerante en homenaxe a Xela Arias co gallo do Día das Letras Galegas Asinamos ser libres chega este mes á biblioteca de Lugo, onde permanecerá do día 3 ao 15. Comisariada pola profesora e biógrafa María Xesús Nogueira, componse de dez paneis nos que se combinan texto explicativo e fragmentos de obras e de intervencións da autora con fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo de Edicións Xerais de Galicia. Como resultado, a instalación ofrece un amplo percorrido pola vida e as diferentes vertentes profesionais e culturais que abrangueu a escritora. 

A exposición súmase ás diversas mostras bibliográficas para público infantil e adulto que ofrece o centro bibliotecario ao longo de setembro. Así, haberá escolmas enmarcadas en dúas conmemoracións arredor das linguas que teñen lugar ao longo de setembro. 

Por unha banda, o día 26 é o Día europeo das linguas, co obxectivo de promover a aprendizaxe de idiomas a prol de entendemento intercultural e lingüístico. A biblioteca súmase a esta celebración coa instalación Imos aprender idiomas. Pola outra, a xornada do 30 dedícase ao Día da tradución e, con este motivo, a biblioteca exporá unha selección de obras traducidas polas persoas premiadas nos últimos anos co Premio Nacional á Mellor Tradución. 

A situación de Afganistán protagoniza outra das mostras organizadas para setembro, con obras de ficción e non ficción para achegarse á realidade deste país asiático.  Haberá tamén diversas mostras dedicadas ao cinema enmarcadas na celebración da 43ª Semana de Cine de Autor de Lugo, organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. Delas cómpre destacar a exposición Benvido a Lugo, Mr. Berlanga, instalada por este colectivo e que permanecerá do 16 de setembro ao 8 de outubro. 

De xeito complementario a ela montaranse mostras audiovisuais e bibliográficas, como Berlanga e herdeiros, con filmes do director e outros posteriores influídos pola súa obra, do 20 de setembro ao 10 de outubro, e  Cine, cine, cine…Máis cine por favor, con biografías, estudos de xéneros cinematográficos e libros de referencia sobre a sétima arte, do 16 de setembro ao 10 de outubro. A elas súmaselle a escolma audiovisual Cine de animación, ata mediados de mes, na que se propoñen películas e series animadas de adultos para levar en préstamo

As propostas para o público infantil son Volta ao cole, para animar á rapazada no retorno ás aulas, e Aprobar, sabes como? con volumes de axuda para organizar o tempo e técnicas de estudo. 

Clubs de lectura

Por outra banda, cómpre sinalar que a biblioteca abre o 15 de setembro o prazo de inscrición para os seus clubs de lectura, cuxas sesións comezan en outubro. As modalidades previstas son de adultos, os xoves alternos ás 18.00 horas; de inglés, o primeiro luns de cada mes ás 17.30; de cómic, o terceiro mércores de cada mes ás 19,30; e Palabras para a igualdade, dous martes de cada mes ás 18.00 horas.