Skip to main content
Axenda Caducada

Foz e Barreiros conmemoran o domingo o Día da Bicicleta

Por 15 Setembro, 2021Setembro 19th, 2021Sin comentarios

Este domingo, 19 de setembro, celebrarase o Día da Bici e concellos como o de Foz e o de Barreiros teñen previstas senllas actividades adaptadas á nova situación sanitaria e co uso obrigado da máscara e casco. Así, non se poderán realizar algunhas actividades clásicas deste día, pero haberá paseo en bicicleta.

FOZ

A saída será ás 11:30h desde a explanada do porto, lugar tamén do regreso despois de dar un agradable paseo pola zona das praias. Sortearase entre os participantes unha bici e publicaremos o nome do gañador nas redes sociais.

A inscrición previa será obrigatoria e poderá realizarse mediante o correo electrónico: bici@concellodefoz.es ou a través dos perfís do Concello nas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Tan só deberán remitirse os seguintes datos ata o 18 de setembro: nome e apelidos, data de nacemento e teléfono. Será tamén obrigatorio o uso de máscara e do casco.

BARREIROS

Este domingo 19 de setembro, terá lugar unha xornada lúdico-deportiva para celebrar o Día da Bicicleta, unha actividade que serve para reivindicar o uso da bicicleta como medio de transporte saudable e sostible así como para fomentar o deporte en familia.

A saída da ruta, que está prevista para as 17:00 horas, terá lugar desde a pista deportiva situada na zona da praia de Altar, percorrerá a zona costeira do municipio ata completar unha distancia de 7km aproximadamente e será unha marcha neutralizada, non competitiva.

Ao remate da ruta haberá xogos lúdicos e cada participante, co seu número de dorsal, entrará no sorteo dunha bicicleta e varios agasallos máis.

As inscricións deberán facerse preferiblemente a través do seguinte formulario: https://forms.gle/42N7rGgdojpXMP177

Tamén poderán facerse presencialmente no rexistro do Concello de luns a venres de 9:30 a 14:30 ou o propio día no lugar da saída (praia de Altar) desde ás 16:00h.