Skip to main content
Axenda Caducada

Actuación de Paco Nogueiras en Navia de Suarna

Por 17 Setembro, 2021Setembro 18th, 2021Sin comentarios

O espectáculo musical Extra! De Paco Nogueiras estará o sábado 18 de setembro en Navia de Suarna. A actuación, organizada coa colaboración da Asociación de Veciños Irmandade Naviega, dará comezo ás 17.00 horas na Praza do municipio, con entrada libre ata completar a capacidade habilitada segundo as normas de prevención fronte á Covid.

Trátase dunha proposta musical baseada no libro-cd do mesmo título, editado por Kalandraka Editora, que pretende achegar ás nenas e nenos ao mundo da prensa escrita e ao xornalismo. No espectáculo, as noticias cántanse e báilanse, coa participación do público.

O músico e actor Paco Nogueiras explica que “Extra! é un “espectáculo concibido en época de pandemia, adaptado a realidade que nos tocou vivir, e pensado para que os nenos e nenas poidan interactuar e desfrutar desde as súas cadeiras”.

A actuación forma parte da programación Verán Infantil, que ofertaron ao longo do verán distintas propostas escénicas e musicais para a cativada de distintas localidades da provincia. Ademais de Paco Nogueiras, forman parte do ciclo os espectáculos Rockeando con Ramona Órbita de Paco Cerdeira Pakolas, A Gramola Gominola, os concertos do grupo Cozorellos Salvaxes, os pasarrúas de Guateque Roll e as funcións de clown, malabares e globoflexia de Punkdemia. En total, programáronse 18 actuacións, en colaboración con distintas asociacións culturais e de veciños.