Skip to main content
Axenda Caducada

Celebran unha reunión en Meira para informar sobre o proxecto eólico

Por 25 Setembro, 2021Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego, en colaboración co Concello de Meira, convocou hoxe, ás 22.00 horas, unha reunión urxente en Meira para informar aos veciños sobre o macroparque eólico que Greenalia proxecta nesta localidade, e que tamén afectará os municipios veciños da Pastoriza e Pol.

A reunión está prevista para as 22.00 horas no pavillón municipal de Meira, na que os asistentes poderán coñecer detalles sobre a localización, tamaño e características dos muíños, así como as zonas afectadas, as limitacións que a implantación desa dotación carrexaría e os períodos para presentar alegacións ao parque, que atopou o rexeitamento de moitos veciños.

Esta instalación eólica estenderíase por 11.320 hectáreas e contaría con 38 aeroxeradores de 180 metros de altura, situados algúns a escasos 600 metros de núcleos rurais, tal e como recolle o proxecto.

O período para presentar alegacións estará aberto ata o mércores 29. O SLG lembra que estas alegacións poderán facerse de maneira telemática. Ademais, está a redactarse un formulario tipo para entregar aos veciños que o desexen. Os organizadores lembran que non é necesario ter propiedades dentro da zona do parque para poder presentar alegacións, “posto que isto vai afectar á vida diaria da vila, dos concellos veciños, da comarca e de toda a contorna”.

Paralelamente, iniciouse na plataforma change.org unha recollida de firmas en contra deste macroproxecto eólico, que suma xa preto de 800 apoios.