Skip to main content
Axenda CaducadaDestacadas LUGOXADestacadas Otros LUGOXA

Volve esta fin de semana a Feira do Campo ao barrio da Milagrosa

Por 13 Setembro, 2021Setembro 19th, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo acolleu este luns a presentación da 24º edición da tradicional Feira do Campo e Artesanía de San Isidro da Milagrosa, que se celebrará durante a fin de semana próxima, os días 17, 18 e 19 de setembro, na praza da Milagrosa.

Segundo explicaron os organizadores, “por mor da situación sanitaria a cita tivo que pospoñerse varios meses e, por segundo ano consecutivo, terá que reducir o número de stands, porén, pese a contar cun formato máis reducido, volverá a ser un evento dinamizador da economía local artesá e dos produtos rurais nun dos barrios máis senlleiros de Lugo”.

Durante toda a fin de semana 40 vendedores de toda Galicia e de Oviedo achegarán os seus produtos de primeira calidade, nunha praza que xa é punto de encontro para pequenos e maiores e un dos principais lugares de reunión interxeracional da cidade.

A programación da feira contará con actuacións culturais, degustación de produtos e exhibicións de artesanía, entre outras actividades, que se realizarán seguindo os protocolos covid-19.

A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García será a pregoeira desta edición. Na presentación agradeceu á asociación “a honra que supón ser a pregoeira da Feira de San Isidro nesta edición do ano 2021”, destacando a súa relación “estreita” coa Milagrosa, “de colaboración profesional ao longo de moitos anos, pero tamén unha vivencia persoal ligada á miña infancia, con familiares que aínda hoxe residen neste barrio lucense tan senlleiro”.

García Porto asegurou que se trata dunha Feira que “promove a artesanía e os produtos do rural, e coa a que a Deputación vai colaborar de novo cedendo lotes de produtos de proximidade, de alta calidade, como parte das nosas iniciativas para favorecer aos pequenos produtores”, unha filosofía que dá continuidade ao programa provincial Saborea a túa provincia celebrado no mes de agosto por todo o territorio lucense.

O programa da feira inclúe actuacións musicais e charangas, degustación de produtos autóctonos e a entrega dos premios memorial José Carballido aos cinco stands máis visitados da fin de semana.