Skip to main content
Lugo

Cultura culpa aos protocolos da Xunta da negativa á instalación das barracas

Por 20 Setembro, 2021Sin comentarios

O San Froilán 2021 segue dando pé a moita polémica. Hoxe non se celebrou a reunión da comisión de festas xa que non asistiron á mesma nin o PP nin Cidadáns, que anunciaran con anterioridade a súa intención de non seguir formando parte deste organismo ao considerar que non eran atendidas as súas aportacións e queixas.

Malia non celebrarse esta convocatoria, si tivo lugar unha reunión da concelleira e Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, con representantes do colectivo de barraquistas do San Froilán, que a increparon dende a praza Maior.

A edil de Cultura trasladou aos representantes dos barraquistas os protocolos marcados pola Xunta de Galiza actualmente, e trasladoulles o compromiso de que o persoal municipal “estude a posibilidade de colocar barracas no caso de que o goberno galego publique novos protocolos en tempo e forma”. O protocolo sanitario actual establece a necesidade de garantir no recinto feiral un espazo de 3 metros por persoa nas zonas de tránsito, ademais de diferenciar espazos de entrada e saída e controis de aforo.  Ferreiro precisou que “o novo protocolo tería que publicarse no DOG co tempo suficiente para que o persoal técnico da área de Cultura e os servizos municipais de contratación e intervención poidan analizar as novas condicións e poñer en marcha o procedemento legal de contratación”.

Os feirantes, que no estiveron satisfeitos con esta medida increparon á concelleira e intentaron entrar pola forza non Concello ao grito de “queremos traballar”. Finalmente o grupo foi disolto polos corpos de seguridade

AVANCE DO PROGRAMA 

Maite Ferreiro anunciou a pregoeira deste San Froilán, e os primeiros concertos desta edición. Marisol Bravos será a responsábel do pregón do San Froilán 2021.  Bravos combina o seu traballo como mestra nun colexio público co de escritora. O seu traballo a prol das persoas con discapacidade, colectivo do que ela mesma forma parte, reportoulle numerosos premios, entre eles Mulleres destacadas (1993) e Lucense do ano (1997).

Tamén avanzou que o 10 de outubro, a praza de Santa María acollerá o concerto de Guadi Galego.

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha carreira musical que comeza sendo moi nova no ano 1997, no grupo Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira.  Despois dunha xa longa traxectoria na música, galardoada entre outros co Premio da Crítica Galicia na categoría de Música, Premios Martín Códax, Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020, volve co seu último traballo Costuras , o seu 5º disco en solitario, que sae ó mercado e ás redes o próximo 20 de novembro.

A edil de Cultura confirmou tamén ao grupo Sidecars para o día de apertura do San Froilán, o 4 de outubro, na praza Horta do Seminario.

Nada no 2006, gañou o Premio da Música ao mellor álbum de rock alternativo no 2009 e o premio A Noite en Vivo ao mellor grupo revelación no 2008. Sidecars sitúase como un dos heroes icónicos do rock estatal, mantendo vivo ao xénero nos últimos anos. 

Ademais, Maite Ferreiro afirmou que “este ano contaremos novamente con medio cento de grupos de Lugo de diversos estilos, continuando na aposta polo tecido cultural local que xa é un dos piares de traballo da área de Cultura”.