Skip to main content
Lugo

O San Froilán volverá ter barracas este ano

Por 28 Setembro, 2021Sin comentarios

Celebración da Xunta de Seguridade polo San Froilán

A alcaldesa Lara Méndez anunciou que o Goberno traballa nas alternativas para facilitar a instalación das barracas durante as festas do San Froilán con todas as medidas de seguridade e atendendo ás indicacións que establece o protocolo sanitario publicado pola Xunta de Galicia. Así o avanzou trala reunión da Xunta Local de Seguridade con motivo das patronais, que copresidiu xunto coa subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez.

Deste modo, a alcaldesa contraría as declaración da Concelleira de Cultura, Maite Ferrreiro, que asegurou que o protocolo da Xunta impedía a instalacións de barracas. Tras unha semana de tensións coas protestas de barraquistas, e intercambios de declaracións co delegado da Xunta, que afirmaba que non había problema para que houbera barracas en San Froilán, a alcaldesa afirma que se fará cargo da responsabilidade de volver isntalar o feiral.

Lara Méndez explicou que “estamos traballando, co marxe temporal co que contamos, nos dispositivos técnicos necesarios para a instalación das barracas e a ampliación de espazos para a súa ubicación para garantir todas as medidas de seguridade, ademais dun plan de tráfico específico”.  Estes temas abordáronse na Xunta Local de Seguridade, onde estiveron presentes, ademais da concelleira de Cultura, responsables de todas as forzas de seguridade (policías locais, nacional e autonómica e Guardia Civil) e de Protección da Comunidade (Bomberos e Protección Civil).

Deste xeito, a rexedora avanzou que “faremos todo o posible para que o San Froilán, as festas patronais de Lugo, sexan un revulsivo para a economía local, o que resulta fundamental para manter postos de traballo e evitar o peche de negocios”. “O máis importante é a saúde das persoas, isto está por riba de todo, pero debemos buscar tamén o equilibrio económico, o feito de que se poidan instalar as barracas afecta de maneira moi importante a nosa economía, especialmente ao sector servizos: hostalería, restauración, comercio… posto que se trata dun gran atractivo para que a xente saia ás rúas e consuma nos establecementos da cidade”, subliñou a alcaldesa.

Pola súa parte, Isabel Rodríguez anunciou que as forzas de seguridade do Estado colaborarán estreitamente cos medios e servizos do Concello para que as actividades previstas con motivo do San Froilán se desenvolvan coas máximas garantías tendo en conta as restricións que determinen as autoridades sanitarias.

A subdelegada lembrou que este ano a celebración do San Froilán coincidirá co levantamento dalgunhas das restricións establecidas polas autoridades sanitarias de Galicia. En todo caso, Rodríguez fixo un chamamento a cidadáns e hostaleiros para que non deixen de cumprir coas medidas de protección que se manteñan vixentes durante as datas das festas, como poden ser as referidas ao uso da máscara ou o respecto de aforos e distancias de seguridade.

Ademais de pedirlle á cidadanía que siga actuando coa mesma responsabilidade da que fixeron gala os lucenses durante o último ano e medio, a subdelegada aproveitou para poñer de manifesto e agradecer o gran esforzo realizado durante todos estes meses polas forzas de seguridade, que traballaron coordinadamente para protexer a saúde dos lucenses.