Skip to main content
Lugo

Unha loita pola accesibilidade

Por 19 Setembro, 2021Setembro 20th, 2021Sin comentarios

Lugo é unha das cidades exemplo en adaptación para persoas con mobilidade reducida, unha tarefa que comezou en 1996

Unha cidade accesible é aquela que permite que todas as persoas poidan gozar en igualdade dos espazos urbanos e das instalacións públicas, facéndoo ademais coa máxima autonomía. Para iso, é preciso que exista unha clara eliminación de barreiras arquitectónicas, así coma unha boa accesibilidade comunicativa, cognitiva, etc.

Lugo, neste caso, é unha cidade valorada positivamente neste senso, que continúa traballando a través de asociacións coma Auxilia para mellorar e facilitar a vida dos veciños e veciñas que a habitan.

Auxilia leva traballando pola accesibilidade de Lugo dende practicamente a súa creación -preto de 50 anos-. Dende a entidade sinalan que nun primeiro momento, o traballo que se realizou foi facer visible o feito de que había persoas con discapacidade na rúa xa que naquel momento non era visible. “A xente ocultaba aos seus familiares e realmente, non saían porque non podían moverse por ningún lado”, concreta Aquilino González, membro de Auxilia.

Por esta razón, o traballo iniciouse cun proceso de concienciación. A partir de aí, como explica Aquilino, “continuamos ese traballo sobre un terreo xa trillado no que había que seguir insistindo e reivindicando. Iso é o que estamos a facer na actualidade”.

Dende Auxilia consideran que estes últimos anos se levaron a cabo moitos avances en canto a accesibilidade da cidade, sen embargo, tamén son conscientes de que existen lagoas e aspectos pendentes que terán que ir mellorándose pouco a pouco.

Desta maneira, hai que lembrar que Lugo sempre foi un paso por diante neste aspecto en relación a outras cidades e incluso foi recoñecida pola Comisión Europea nos seus notorios premios de accesibilidade Access City Award como Cidade intelixente.

EVOLUCIÓN. Fernanda Arrojo, membro de Auxilia durante moitos anos, destaca o papel que tivo a asociación na accesibilidade de Lugo e sinala que loitou dende un primeiro momento para que Lugo se convertera nunha cidade accesible. Sen embargo, este traballo, segundo sinala Fernanda, non é un traballo duns días ou dun par de anos, senón que se trata dun percorrido constante durante moitos anos para que a cidade chegara ao punto no que se atopa actualmente.

Por iso, Arrojo defende que poñer parches por diferentes partes da cidade era unha cuestión insuficiente, polo que este plan de accesibilidade tiña que ser dende un primeiro momento un plan xeral e, unha das vías para facelo, era desenvolvendo unha ordenanza municipal de accesibilidade.

Xa no ano 1996, comezouse a elaborar dita ordenanza. Xunto a iso e cun carácter importante, chegou a declaración dun gabinete de ordenanza municipal formado por concelleiros de urbanismo, técnicos do Concello, representantes de condutores, representantes da oposición política e representantes do colectivo de discapacidade, entre outros. Foi cando esta representación caeu baixo representantes de Auxilia.

Con Joaquín García Díez como alcalde, desenvolveuse e aprobouse a ordenanza municipal. Tempo despois, no ámbito autonómico, chegou en 1997 a primeira lei autonómica de accesibilidade -sen embargo non se executa ata o ano 2000 o regulamento para desenvolvela-. Coas dúas leis de accesibilidade, en Auxilia tiveron en conta analizalas e poñelas en concordancia -no caso das medidas, dos ángulos de pendente, etc-.

Chegado o ano 1999, reuniuse por primeira vez o Gabinete de Accesiblidade Municipal, possto en marcha pola concelleira Blanca Rodríguez Pazos e que se comezará a xuntar de vez en cando ata que, no 2005 aproximadamente, se elabora un regulamento do gabinete no que se esixe que se rexa cada tres meses para vixiar e levar a cabo un seguimento do cumprimento da ordenanza.

Sen embargo e, a pesar da evolución, hai que ter en conta tamén as crises. A primeira, a crise económica de 2008 paralizou todo e segundo Auxilia, tardouse en recuperar: “volvemos traballar pero non ao ritmo de antes, hai que ser conscientes diso. Non se inviste coma antes xa que a crise tamén pasou pola accesibilidade, sen embargo, en liñas xerais, continúase cun bo traballo na cidade”.

Ademais, outro aspecto que hai que valorar é o feito de que Auxilia conta con menos persoas na asociación, polo que hai menos posibilidades de facer estudos e outros traballos.

MEDIDAS. Por outra banda, Aquilino González sinala as medidas e os procesos que se deben continuar cumprindo para que o avance da accesibilidade non se estanque. Desta maneira, considera que hai que seguir facendo fincapé na accesibilidade cada ano “hai que ter as cousas claras, facer plans de rúas e, sobre todo, que exista colaboración entre nós, que nos atopamos no gabinete, e os técnicos municipais”. 

Así pois, dende Auxilia consideran que hai zonas onde hai máis traballo e expoñen todos os anos algunhas rúas nas que se teñen que eliminar obstáculos “sobre todo, queda moito traballo pendente na zona norte da cidade, onde se xuntan moitas cuestións que dificultan a accesibilidade, como é a tipoloxía das rúas”.

Ademais, Aquilino considera que hai moitas beirarrúas estreitas que se fan máis complexas. Un exemplo disto é a avenida da Coruña que, a pesar de ter moitos rebaixes practicables, teñen que mellorarse e axustarse á normativa vixente para todas as persoas.

ACCESIBILIDADE PRIVADA. Dende Auxilia sinalan o avance que se produciu en canto á accesibilidade privada, xa que hai unha normativa que hai que cumprir. Sen embargo, hai que ter en conta que existen zonas no casco histórico nas que non se pode actuar. De feito, moitos edificios son de renda antiga, e dicir, son casas protexidas polo que é moi complicado actuar nelas. “Un golpe de efecto na accesibilidade vai ser cando, por exemplo, se superen en termos liberais de protección, xa que na actualidade todo o que se fai no centro histórico está suxeito por pinzas. O plan de protección está aí e, guste ou non, hai que suxeitarse a el”.

No caso da accesibilidade pública, case todo o público é accesible. De feito, un dos plans que axuda para esta cuestión son as obras de peonalización, nas que se conseguen máis rúas accesibles na cidade.

Sen embargo, Aquilino González lembra que hai que continuar traballando en todos os barrios e nesas zonas que quedan pendentes e, de feito, sinala a avenida da Coruña como a primeira zona que hai que limpar de obstáculos: “é unha das principais vías da cidade que dá lugar a outras rúas, polo que nela, circula moita xente. Todos os cruces e todas as rúas que, de todas formas son practicables e pódese pasar por eles, na gran maioría, non van a estar normativizados”.

Ademais, hai que valorar as actuacións de accesibilidade que están a realizar: ascensores, peonalización… “todo o que sexa comerlle terreo a sitios raros e a beirarrúas é bo, iso está claro”.

En relación á cidade, tamén hai que mencionar que Lugo mellorou moitísimo ao longo dos anos. Ademais, como comenta Aquilino, hai que ter en conta moitos aspectos entre os que destaca a propia topografía da cidade. Lugo é unha cidade de costas e é complicada -a excepción da parte central e do inicio da zona norte-. “Hai moitas veces que a accesibilidade é invalidada pola beirarrúa da propia vía, polo que actuar nesta cidade é máis complexo que facelo noutras máis chá. Sen embargo, este aspecto tampouco é unha xustificación para que non estén os rebaixes feitos”.

LUGO COMA CIDADE ACCESIBLE. Hai moitas cuestións que afectan ao tema da accesibilidade e non é só cuestión duns poucos.

Por esta razón, Fernanda Arrojo, sinala tres motivos principais para que Lugo sexa unha cidade accesible. Comezando, en primeiro lugar pola vontade dos representantes políticos de levar a cabo as diferentes iniciativas: “na primeira candidatura de Orozco, sentamos aos representantes dos partidos políticos en cadeiras de rodas para facer un percorrido pola cidade e viron en carne propia as barreiras que existían na cidade. Foi un feito moi importante. Ao final, é fundamental a actitude do alcalde de quenda e do seu equipo”.

A segunda vontade, segundo indica Arrojo é o movemento educativo. Este é un aspecto importante que se atopa presente na cidade, a través de traballos de concienciación e de discriminación que non se levan a cabo noutras cidades.

Finalmente, a terceira vontade é a sociedade que está “máis ou menos” concienciada no tema. De feito, nesta cuestión tamén repara Aquilino quen defende que socialmente si que existe concienciación pero que, sen embargo, sempre se pode facer máis.

Neste senso pódense indicar varios problemas que continúan a día de hoxe, como pode ser o das prazas de aparcadoiros. Na cidade de Lugo, en moitas ocasións, empréganse de maneira irregular os aparcadoiros e dende Auxilia, defenden nesta cuestión o control do emprego das tarxetas para aparcadoiros sinalizados. A isto tamén se pode sumar os problemas en moitas comunidades de propietarios “ás veces costa concienciar a algún veciño da comunidade para instalar unha rampla nun portal ou para poñer un ascensor”.

Así mesmo, dende Auxilia recordan que hai que ser conscientes do traballo que aínda queda por facer, sen embargo, tamén hai que ser consciente do traballo que xa se fixo. “Hai que valorar todo. O que nunca se pode facer é opinar sen valorar o feito e o traballo que custou. Sen deixar de ser ambiciosos pero tendo os pés no chan”.

Ademais, hai que ter en conta a complexidade deste tipo de proxectos nos que non se poden barrer todos os problemas de accesibilidade de golpe. E, de feito, tamén hai que sinalar que a accesibilidade é unha cuestión moi ampla “ti podes solucionar a accesibilidade para persoas con discapacidade física, que son os máis visibles; pero ademais, tamén se atopan os cegos, os intelectuais, os autistas… todo o mundo ten problemas de accesibilidade e de mobilidade”, sinala González.

Por outra beira, un aspecto que se destaca dende Auxilia é o feito de que as partidas de accesibilidade na actualidade sexan transversais a calquera actividade do Concello “conseguir que a accesibilidade se contemple de forma transversal ás distintas concellerías é un aspecto moi importante. Ao final, o que se busca é que exista accesibilidade, integración, mobilidade… e en iso non está soamente Auxilia, senón que están todos os colectivos das diferentes discapacidades traballando por ela”.

Un traballo que se continúa reivindicando e no que se segue dando visibilidade aos diferentes problemas que existen. De feito, hai que ter en conta a evolución que se levou a cabo e que comezou nun proceso de concienciación de políticos e de sociedade en xeral, para que se puidera comezar o proceso de cambio na cidade de Lugo.