Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PSOE acusa á Xunta de preparar o camiño á instalación de parques eólicos

Por 6 Setembro, 2021Sin comentarios

Carmen Rodríguez reivindica no Parlamento a defensa destes montes “como forma de copropiedade galega” fronte ao “ataque” perpetrado pola Xunta a través da Lei de Simplificación Administrativa.

A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta acusou á Xunta de “despexar legalmente a instalación de parques eólicos en montes veciñais en man común –MVMC-”. A responsable socialista fixo esta afirmación no debate dunha proposición non de Lei en Comisión para reclamarlle á Xunta que defenda estes montes “como forma de copropiedade galega”, que foi aprobada logo do debate de hoxe no Parlamento.

Rodríguez Dacosta alertou do “ataque en toda regra” perpetrado polo goberno galego a través da Lei de Simplificación Administrativa publicada o pasado 25 de febreiro. Aquela norma “permite que un proxecto de instalación enerxética que afecte a estes montes veciñais se realice cun trámite simplificado de declaración de interese público do proxecto a instancia da propia compañía”.

Así está a suceder, por exemplo, explicou, no parque eólico Novo, en Valdomiño, o de Monterredondo, en Vimianzo, ou o de As Somozas, en A Coruña, todos eles parques situados en montes veciñais utilizando unha tramitación exprés de 15 días.

“En román paladino –sinalou a deputada-, o PP volve velar polos intereses privados, dando un perigoso paso atrás na protección dos MVMC e nos requisitos establecidos para a declaración de interese público”, sendo “incluso máis retrógrados que a Lei de MVMC de 1968, durante a ditadura franquista”, que lle daba á comunidade titular do monte a facultade de aprobar a cesión.

A parlamentaria socialista alerta da rebaixa dos requisitos fixados para a declaración de interese público, que “só podía realizarse a instancia da administración e non –como con esta nova norma- de particulares”. En definitiva “un novo ataque do PP á prevalencia do Monte Veciñal e á súa protección para defender intereses privados que non redundarán no seu beneficio”.

Iniciativa aprobada

Carmen Rodríguez salientou a iniciativa aprobada hoxe, que determina o “apoio ás comunidades de montes en man común como forma de copropiedade galega, que co apoio da administración poden xerar importantes beneficios para o territorio, tanto dende o punto de vista social como ambiental e como xerador de emprego a través das empresas de economía local”. Reclamoulle ao goberno galego que agora adecúen a normativa ao espírito desta iniciativa.

Lembra que hoxe en Galicia hai 3.312 montes coa consideración de monte veciñal en man común, que ocupan unha superficie total de 664.230 hectáreas en 248 dos 313 concellos concellos de Galicia e que supoñen aproximadamente o 25 por cento do total do territorio da Comunidade Autónoma.

Iniciativa aprobada hoxe: O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que garanta e poña en valor os Montes Veciñais en Man Común –MCMV- como forma de copropiedade galega, dado que a perda destes montes sería tamén a perda dunha pegada importante da historia de Galicia e da súa economía segundo manifestan sindicatos agrarios, organizacións de persoas propietarias forestais, expertos en xestión forestal e gandeiro e movementos ambientalistas.