Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAVilalba

Trece concellos reciben unha subvención para desenvolver o seu Plan de acción polo clima

Por 12 Setembro, 2021Sin comentarios

Un total de 13 concellos lucenses recibirán unha subvención para redactar os Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico que ten como obxectivo avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local.

As subvencións concedidas en Lugo serán para Paradela, Castroverde, Triacastela, O Valadouro, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Ourol, Sarria, Taboada, Vilalba, O Páramo e O Saviñao. Todos eles recibirán unha achega autonómica de 3.000 euros para traballar no seu Paces.

As 13 axudas concedidas na provincia suporán un investimento de preto de 55.000 euros e se cubriron o 100% da solicitudes presentadas tanto en Lugo como no conxunto de Galicia.

Así mesmo, a día de hoxe xa hai outros 36 municipios lucenses traballando na elaboración destes plans grazas aos apoios recibidos por parte destas axudas, convocadas por primeira vez.

No conxunto de Galicia e ao abeiro da convocatoria deste ano, concedéronse subvencións a 70 concellos por un importe total de 337.000 euros. Estes municipios súmanse aos 176 que xa están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de 250 entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o cambio climático.

Un Plan de acción consiste na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático; polo que coa axuda da Xunta os municipios poden a sufragar os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos mesmos.

Deste xeito, dáse cumprimento a un dos compromisos de adhesión ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, integrando a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben estar presentes na definición das políticas locais, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.

O Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía foi impulsado no ano 2008 ata converterse no maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxías entre distintas administracións fronte ao cambio climático, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa cos cidadáns. De feito, na actualidade conta xa co respaldo dunhas 10.000 entidades locais de todo o mundo.

Na actualidade xa son 271 os concellos adheridos ao Pacto, o que representa a unha poboación de preto de 2,2 millóns de galegos, cifras que tanto a directora xeral como o delegado coincidiron en interpretar como unha mostra da boa acollida que está a ter este movemento en Galicia, sobre todo desde a creación da Oficina técnica de coordinación e asesoramento aos municipios no ano 2018.