Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca SARRIAXA

Limpan dende hoxe estradas en Lugo e Sarria

Por 20 Setembro, 2021Sin comentarios

Comezan hoxe novas tarefas de limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas nas provincias de Lugo e de Pontevedra, que realiza Seaga como control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No marco destas actuacións, inícianse estes traballos na vía autonómica LU-642, no Incio e en Sarria;  e na LU-612, en Lugo e en Portomarín. Tamén comezarán na variante de Vilagarcía VG- 4.7, ao seu paso por Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.

Ademais proseguirán as tarefas en execución na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria; e na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.

SEGURIDADE VIARIA

Estas actuacións completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas. 

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.