Skip to main content
Axenda Caducada

Este domingo realizarase a limpeza simultánea de ríos

Por 20 Setembro, 2021Setembro 26th, 2021Sin comentarios

Dentro do programa de voluntariado ambiental en ríos de Adega, Proxecto Ríos, este ano celébrase a XIV Limpeza Simultánea Móllate polos ríos, que se desenvolverá en 50 concellos de toda Galiza, e na que participarán un total de 68 entidades  entre asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de Adega, centros de ensino, etc. Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta décimo cuarta edición.

A limpeza, que será o domingo 26 de setembro, ten por obxecto concienciar á cidadanía da importancia de manter un ríos limpos e con boa saúde. Con este propósito, mobilizaranse voluntarios e voluntarias en toda Galiza, que se desprazarán aos ríos destes 50 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. A limpeza conta co apoio de Augas de Galicia e o IET, e dos seguintes concellos: A Estrada, A Laracha, Allariz, Ames, Ares, Arzúa, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

Para levar a cabo a actuación partillarase un protocolo de limpeza de ríos co fin de ofrecer unhas pautas sobre como se debe facer unha limpeza ecolóxica nos ecosistemas fluviais, que se pode descargar en PDF da web da limpeza. Tamén se agasallará aos/ás voluntarios/as cunha camisola co lema Móllate polos ríos. Actualizouse a páxina web para a limpeza onde se especifica que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes, promotoras e colaboradoras.

Respectaranse tamén as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola covid-19 dependendo da situación sanitaria de cada zona. Dende o Proxecto Ríos recomendamos que  os grupos sexan de 10 persoas como máximo, e en caso de ser un número maior repartirse por diferentes zonas do río, e respectando sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes. Cada persoa voluntaria deberá levar as súas propias luvas.

VOLUNTARIADO

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Este proxecto é iniciativa de Adega e está promovido e financiado por Augas de Galicia, organismo que pertence á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e neste ano ten tamén o apoio da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.