Skip to main content
Comarca LUGOXA

O tramo da autovía Palas-Melide xa está executado ao 50%

Por 21 Setembro, 2021Sin comentarios

O MITMA traballa intensamente nos últimos dous tramos da A-54 entre Palas de Rei e Arzúa, que ocupan a 200 operarios e 50 máquinas. José Miñones lembra que a nova vía de alta capacidade reducirá o tempo de traxecto entre Lugo e a capital galega e mellorará a seguridade viaria da N-547, por onde transitan numerosos peregrinos.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe a aposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana coa vertebración da Galicia interior a través da autovía A-54, que suma 322 millóns de investimento: “unha obra que merece Galicia e que dende a Delegación do Goberno imos seguir impulsando”. José Miñones supervisou hoxe en Palas de Rei o inicio das obras de colocación do taboleiro no viaduto sobre o río Pambre, de 977 metros de lonxitude, que se convertirá no máis longo das estradas da provincia de Lugo.

O delegado repasou o compromiso “claro e firme de recuperar o tempo perdido nas infraestruturas galegas”, que este ano se traduce en investimentos de 677 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado, un 14% superior ao da media do resto de comunidades.
José Miñones lembrou que a nova autovía A-54 permitirá unir Lugo con Santiago de Compostela en 50 minutos de percorrido. En paralelo, conlevará unha importante mellora da seguridade viaria, tanto rodada como peonil, da N-547, onde actualmente hai importantes tránsitos de peregrinos do Camiño de Santiago, eliminándose ademais a travesía de Melide.

Actualmente, o MITMA está traballando nos dous últimos tramos da autovía A-54 a un ritmo moi elevado que implica a 200 operarios e 50 máquinas. No viaduto do Pambre, o delegado comprobou o reto técnico que implica este paso da autovía A-54 sobre o río Pambre salvando un val de gran beleza natural e de gran riqueza patrimonial e etnográfica. José Miñones comprobou o inicio da colocación do taboleiro dende un dos estribos, acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

VIADUTO

O viaduto sobre o río Pambre estará composto por un único taboleiro disposto sobre 15 pías e 16 vans. A lonxitude total entre os eixos dos estribos será de 977 metros e a súa anchura total será de 24,30 metros. Contará con dúas calzadas cadansúa con dous carrís de 3,5 metros. O seu custo ascende a 16,8 millóns de euros.

A solución constructiva con taboleiro único posúe importantes vantaxes construtivas e económicas, reduce a ocupación en planta do viaduto, e posúe mellor integración visual e paisaxística ao reducir o número de fustes de piares.

O tramo Palas de Rei-Melide, de 11,7 quilómetros de lonxitude e 85,6 millóns de euros, iníciase en Palas de Rei, conectando co tramo xa en servizo da A-54 entre Lugo-Palas de Rei, e discorre polos concellos de Palas, Santiso e Melide. Remata ao sur da localidade de Melide onde conecta co tramo contiguo, que tamén está en obra. Actualmente o grado de execución deste tramo ascende ao 50% do total.

Na traza inclúense dúas conexións (Remonde e saída Melide Sur) e 18 estruturas: seis viadutos (sobre os ríos Furelos, Seco e Pambre; regos do Vilar e de San Xulián, e un viaduto ao paso polo LIC “Serra do Careón”); sete pasos superiores e catro pasos inferiores.

INTEGRACIÓN AMBIENTAL

O tramo de autovía A-54 entre Melide e Palas atravesa o Lugar de Importancia Comunitaria “Serra do Careón” integrado tanto na Rede Natura 2000 como na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos. Por iso, durante a redacción do proxecto coidouse especialmente o cumprimento das prescricións impostas pola Declaración de Impacto Ambiental. Ademais, os traballos de integración ambiental inclúen diversas medidas protectoras e correctoras en relación cos solos, as augas e o sistema hidrolóxico, o aire, a fauna e flora e a xestión de residuos, así como os labores de control e seguimento ambiental e de integración paisaxística a través da revexetación das superficies de obra.

Así mesmo, dende o punto de vista patrimonial, cumprimentáronse as disposicións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia co obxecto de evitar impactos físicos e visuais sobre os elementos do territorio histórico e da zona de paso do Camiño de Santiago.