Skip to main content
Axenda Caducada

Imparten un curso sobre produción ecolóxica de vacún en Baralla e Meira

Por 14 Setembro, 2021Setembro 23rd, 2021Sin comentarios

A de Meira -prevista no centro sociocultural da localidade o martes 21 de setembro- estará centrada no vacún de leite, mentres a de Baralla -programada para o xoves 23 no centro sociocultural da vila- xirará arredor do sector da carne.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén na provincia de Lugo dous cursos sobre o novo regulamento da produción de vacún en ecolóxico. O primeiro, centrado no vacún de leite, está previsto no centro sociocultural de Meira o martes 21 de setembro. O segundo, programado para o xoves 23 no centro sociocultural de Baralla, xirará arredor do sector da carne. 

Así, a xornada de Meira está dirixida a todos aqueles interesados en desenvolver a súa traxectoria no sector da produción ecolóxica do vacún de leite. Nesa liña, estudarase o mercado existente ao respecto e axudarase a comprender as posibilidades de comercialización, así como as novas tendencias e demandas dos consumidores. A maiores, darase a coñecer o novo regulamento sobre a produción ecolóxica e etiquetado dos produtos ecolóxicos.

Cunha duración total de sete horas, en concreto pola mañá tratarase a produción ecolóxica e a evolución do seu consumo en Galicia, a nova normativa ecolóxica relacionada co vacún de leite, a comunicación ambiental e o cálculo de pegada de carbono, así como o mercado da produción de leite ecolóxico. Xa pola tarde, realizarase unha visita práctica.

No caso da acción de Baralla, os contidos serán moi similares pero estarán centrados no sector do vacún de carne. Tamén durante sete horas de formación que finalizarán cunha visita práctica pola tarde, afondarase nas vantaxes que supón a gandería ecolóxica para a saúde e o medio rural. Nese senso, formarase aos participantes nas técnicas de produción en equilibrio coa natureza e no manexo do rabaño.

Cómpre apuntar que estas accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Así, os interesados en inscribirse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo info@agronovo.es.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas