Skip to main content
Lugo

Setembro segue coas visitas ao Bosque Urbano

Por 3 Setembro, 2021Sin comentarios

O mes de setembro continúa cas visitas ao Bosque Urbano, para achegar á cidadanía as singularidades do novo pulmón verde. Así as visitas guiadas, terán lugar todos os venres, sábados e domingos de setembro e serán de balde, previa preinscrición a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal.

Estas visitas serán desenvolvidas por guías profesionais que acompañarán ás persoas asistentes a través dos traballos no bosque urbano, repartindo as visitas en tres roteiros, dous en horario de mañá, específicos, e un completo pola tarde.

Na quenda da mañá serán ás 10.00 horas, visitando a área de frondosas, cultivos enerxéticos e o souto. E ás 11.30 será a visita á parcela de aromáticas, arboretum e humidal das Gándaras-O Ceao. Xa pola tarde ás 17.00 horas haberá un roteiro completo de dúas horas.

Haberá unhas xornadas de portas abertas que terán lugar, igualmente, todos os venres, sábados e domingos en horario de 9.30 a 19.30 horas.

Tamén celebraranse obradoiros dirixidos ao público infantil, que incluirán un contacontos musical e unha visita ao bosque urbano mentres se difunden valores medioambientais e sociais relativos ao monte e ao seu coidado.

Estes obradoiros terán lugar os vindeiros días 4, 11 e 18 de setembro baixo o título As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco. O horario será, na quenda da mañá, a partir das 11.00 horas e, na quenda da tarde, ás 18.00. As nenas e nenos que participen recibirán un agasallo.

A inscrición debe realizarse a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal.

O bosque urbano alberga un arboretum con 15.000 exemplares e cultivos enerxéticos, así como 8 bosques autóctonos galegos con 55 especies arbóreas.

Unha ocasión perfecta na que se abre este espazo ao conxunto dos lucenses, pois a vexetación atópase en período de implantación e estanse a realizar actividades do proxecto, polo que o acceso ás parcelas limitouse ao persoal da Universidade, encargado de realizar tarefas de investigación e mantemento das diferentes especies. A través desta iniciativa, na que o Concello traballa da man das investigacións da Universidade de Santiago (Campus Terra) e a Universidade Politécnica de Madrid, Lugo convértese en cidade impulsora do deseño das urbes sostibles do futuro para conseguir barrios e espazos neutros en carbono, ao mesmo tempo que impulsa a economía verde e circular, buscando novos modelos produtivos baseados no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles.