Skip to main content
Lugo

Lugo acolle a fin de semana un Encontro de Zanfonas

Por 15 Setembro, 2021Sin comentarios

A Asociación de Gaiteiras Galegas xunto coa area de Cultura do Concello de Lugo organizan esta fin de semana o I encontro de zanfonas de Lugo.  Este encontro, que encherá o casco vello de Lugo cos sons das zanfonas, nace co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor á zanfona, facendo protagonista do encontro á súa música, ás escolas existentes no país, os cantos de cego e as novas propostas existentes coa zanfona, dentro do panorama actual da música tradicional galega.

A música tradicional galega representa un patrimonio cultural inmaterial considerado por moitos estudosos e estudosas un dos máis ricos de Europa, tanto en calidade como en cantidade e variedade.

Unha parte importante desa riqueza debémoslla sen dúbida a multitude de persoas que dedicaron a súa vida a traballar na conservación e difusión da nosa cultura a través dos seus traballos, pero non podemos esquecer que a parte fundamental desa riqueza, debémoslla a todas as persoas que ao longo dos séculos souberon preservar e transmitir a nosa riqueza cultural e que grazas ao amor pola nosa terra e pola nosa cultura deixáronnos un legado de valor incalculable.

Na xornada do venres iniciarase o encontro con actuacións de rúa polo casco vello da cidade da man dos Cantares de Cego, o Cego e o Criado e dos Cegos da Veneira.

Tamén o venres, xa a tardiña, contarán co Concerto de Tundal na praza da Soidade, grupo lugués de música tradicional que leva no seu repertorio música cantada e instrumental para o baile, romances e inclúe tamén no seu repertorio, músicas propias ou doutras/os autores sobre poemas da literatura.

Xa na mañá do sábado, na praza da Soidade contará cunha actividade para nenas e nenos, na que tamén poderán participar as súas familias, un concerto didáctico onde coñecerase non só á zanfona, senón a outros instrumentos da música tradicional que a acompañan. Este concerto estará impartido por Luis Correa e Chus Foliqueira, e seguidamente, tamén na praza da soidade terá lugar o Concerto de Miro Casabella, considerado pola crítica como o máis relevante dos cantautores galegos, que formou parte do grupo Voces Ceibes.

Xa na tarde do sábado, haberá  actuacións de rúa do Grupo de zanfoneiros da Tradescola, formado na escola que xestiona a AGG na cidade de Lugo, o Cegho de Matamá e Aldariña de Candeán que levan xa varios anos percorrendo as feiras e rúas da terra coas súas cantigas e romances onde non faltan a retranca e o saber popular.

E tamén participará a Escola Cultural Municipal de Zanfona de Narón, unha das primeiras escolas de zanfona de Galicia. Nas aulas búscase o dominio de tódalas posibilidades do instrumento dende a partida da música tradicional galega, pasando por músicas de outros paises con tradición en zanfona do continente europeo.

As aulas están abertas para persoas dende os 8 anos, calqueira que sexa o seu nivel e son impartidas polo mestre Óscar Fernández.

Para rematar a xornada do sábado destaca o concerto de PÄRBO, ensemble exigüo de músicas contempo-devanceiras formado por Begoña Riobó: Violín, harpa céltica e voz, e por Anxo Pintos: Zanfona e 2º violín que camiña co centro de gravidade ben asentado na música patrimonial de Galicia.

Xa na xornada do domingo, os encargados de achegar a música á rúa serán Os Monifates, un peculiar carromato tirado por dous músicos ambulantes (Alberto Millán e Xosé Piñeiro Nebra) que percorren vilas e pobos cunha importante misión, a de amosar a rica e variada música e instrumentación da cultura galega, nun formato distinto e orixinal. Nas súas viaxes fóronse sumando os máis diversos e peculiares bailaríns (monicreques), integrando así música e monicreques nun espectáculo pensado para toda a familia, marabillándonos coas historias das súas personaxes.

Tamén nos acompañarán cos sons da zanfona a Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde, que nace no ano 2013 en Cuntis (Pontevedra) e hoxe atópase en Bemil (Caldas de Reis).

E pechando a xornada do domingo, contarán co concerto de Obal, que trae a súa música dende as Rías Baixas. Dende os seus comenzos no inverno do 2015, a música folk e a danza unense para Obal, seguindo unha corrente en auxe en toda Europa o bal-folk.

Formado por Diego Langarika, Jaime Rebollo e Iván Costa, tres músicos cunha longa traxectoria na música tradicional e folk en Galicia, e que na actualidade forman parte da Orquestra Folk SonDeSeu. Son formados por recoñecidos músicos do universo folk e levalles a explorar agora ritmos das mùsicas centroeuropeas, asì como pezas de propia composición.