Skip to main content
Lugo

Concello e Xunta buscan unha solución para engadir unha parada no Carqueixo

Por 14 Setembro, 2021Sin comentarios

O tenente Alcalde, Rubén Arroxo, reuniuse esta mañá co delegado Territorial da Xunta de Galiza en Lugo e co persoal técnico responsábel da mobilidade de ambas administracións para buscar a mellor solución posíbel de cara a mellorar as conexións do bus na zona do Carqueixo.

Arroxo explicou que “na xuntanza buscamos chegar a un acordo entre ambas administracións para engadir unha nova parada que de servizo á zona sen aumentar o percorrido do bus urbano”.

O tenente Alcalde destacou que “desde o Concello traballaremos da man coa Xunta para garantir a viabilidade técnica desta parada, segundo os criterios que marque o goberno galego para permitir a máxima seguridade para as persoas e a mellor maniobrabilidade para o bus”, e engadiu “desde o concello estudaremos que o bus poida xirar na LU-530 para non aumentar o percorrido da liña, traballaremos da man coa Xunta para permitir este xiro”.

Arroxo lembrou que “co novo modelo estamos a utilizar practicamente a totalidade da bolsa de Km contemplada no contrato asinado polo anterior goberno o que non nos permite engadir máis metros de percorrido nunha zona sen retiralos noutra”.

O actual proxecto de liñas de bus urbano foi aprobado co apoio de todos os grupos da corporación municipal na Mesa de Transporte Público. Durante a elaboración do proxecto, tivéronse en conta as solicitudes da veciñanza achegadas ao concello por distintas vías (queixas e reclamacións, chamadas ao 010, etc).

O EXEMPLO DE PONTEVEDRA

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reuniuse esta mañá en Pontevedra co edil de Mobilidade Demetrio Gómez para coñecer o modelo de transporte a demanda que está a proxectar o Concello de Pontevedra. “O transporte a demanda no rural é unha das iniciativas do noso programa das eleccións do 2019, hoxe puidemos ver os avances realizados polo Concello de Pontevedra para prestar este servizo”, explicou Arroxo.

Na xuntanza participaron técnicos de ambos concellos que expuxeron a situación na que se atopa o proxecto en Pontevedra. O concello de Pontevedra mostrou os contratos que están en marcha na actualidade: tanto de creación da app que xestionará o servizo como os estudos de mobilidade da poboación susceptible de empregar este transporte.

Rubén Arroxo explicou que “o sistema de Pontevedra podería ser adaptado para aplicarse en Lugo”, e engadiu “Lugo é un concello cunha superficie maior que Pontevedra e tamén con máis parroquias”. O Tenente Alcalde explicou que “o persoal técnico da área de Mobilidade estudará as posibilidades deste sistema para aplicalo en Lugo e contar cun sistema de transporte público no rural”.