Skip to main content
Lugo

O lugués Antonio Rigueiro recibe o Premio Luis Porteiro Garea da USC

Por 16 Setembro, 2021Sin comentarios

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo Antonio Rigueiro recollerá hoxe o Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso da lingua galega na institución académica. O reitor da USC, Antonio López, presidirá, a partir das 12.30 horas no salón de actos da EPSE, a cerimonia de entrega da cuarta edición dun galardón que lembra a figura e a memoria do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC e secretario do xurado, Manuel Núñez Singala, que dará lectura á acta, tamén intervirán na cerimonia de entrega deste premio, no marco dun acto público no que os tamén docentes da USC na EPS de Enxeñaría, Ana Isabel García Arias e Javier López González, actuarán como ‘padriños’ do galardoado, quen tamén pronunciará un breve discurso.

O reitor Antonio López pechará este acto académico, cuxa celebración tamén se poderá seguir en liña a través da ligazón da plataforma telemática Teams. A interpretación do Gaudeamus Igitur, a cargo de músicos da Orquestra da USC, servirá de colofón do acto.