Skip to main content
Lugo

Abre o prazo para solicitar as actividades dos centros sociais

Por 17 Setembro, 2021Sin comentarios

Os centros sociais ofertarán este outono unha vintena de propostas socioculturais diferentes para diversificar e aproveitar, dun xeito saudable e seguro, o tempo de lecer de toda a poboación, especialmente, da maior de 65 anos.

A área de Benestar Social vén de deseñar un amplo e variado programa que contempla accións lúdicas pero tamén socieducativas e físicas.

A programación trata de dar prioridade ao benestar social da cidadanía de tódalas idades, con residencia en calquera dos barrios da capital pero tamén en cada unha das 54 parroquias, facendo real – como é a nosa obriga – a igualdade de oportunidades e dereitos, independentemente das posibilidades económicas ou do lugar de residencia, sen importar onde vivan nin a franxa de idade á que pertenzan.

Así, entre o 18 de outubro e o 31 de maio de 2022, os diferentes centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Maruja Mallo, A Milagrosa, Sagrado Corazón e Uxío Novoneyra), así como tamén nos centros de dinamización, os telecentros ou as escolas do rural, ofreceranse diversos cursos cos que a área de Benestar ten por obxecto atender as necesidades físicas e emocionais das e dos residentes en cada contorna.

“Algunhas das actividades son continuístas, debido a que gozan de gran participación e aceptación entre o público, mentres que outras se incorporan este ano en función das preferencias que as persoas usuarias nos fixeron chegar a través dese contacto permanente que mantemos co tecido asociativo do municipio”, abondan dende a Concellería.

Entre as actividades previstas inclúense algunhas de contido social, “como son o Envellecemento Activo; Autoestima para Adultos; Taller de Educación para a Saúde; Mente e Vida Sas; Uso de Teléfonos Móbiles (niveis I e II), pero tamén outras de tipo psicofísico, como a Ximnasia e a Bioximnasia, ou aquelas coas que pretendemos fomentar as relacións interxeracionais entre a mocidade e as persoas adultas como son o Teatro, a Pintura e as Manualidades”.

Haberá clases de Cociña Saudable Intercultural, Costura, etc e, do mesmo xeito, manteranse as Aulas Abertas, cun Club de Lectura; farán obradoiros para menores nos Sábados Divertidos e coa Inclusión Educativa ao igual que se levarán a cabo, alén, programas específicos para mellorar as habilitades informáticas de colectivos vulnerables con cursos de Trámites coa Administración, Xestións Dixitais na Sociedade para Maiores de 65 Anos e Comprensión e Expresión en Lingua Española”.

Tamén haberá outras accións de carácter aberto e común a todos os centros vencelladas á celebración do Entroido, as Letras Galegas, ou o Nadal, así como xornadas de diferentes temáticas, encontros, charlas, mesas redondas, conmemoracións de datas sinaladas de sensibilización sociocultural, saídas culturais e excursións, etc.

INSCRICIÓN

O prazo de inscrición para apuntarse comeza hoxe e rematará o próximo xoves 23. As solicitudes poderán presentarse en horario de mañá (de 09:00 a 13:00 horas) nos centros socioculturais, coa limitación dun máximo de tres instancias por persoa e centro.

A adxudicación das prazas farase por sorteo informático público que terá lugar o próximo 28 de setembro ás 11:00 horas procedendo, a continuación, á publicación das listas provisionais e de reserva.

As listas definitivas exporanse o 15 de outubro nos taboleiros dos centros.

As actividades, que na súa maioría son de carácter gratuíto, levaranse a cabo cumprindo con todas as medidas de seguridade precisas segundo vaia determinando o devir da pandemia e tamén dunha maneira adaptada aos ámbitos urbanos e rurais do concello.