Skip to main content
Lugo

“O galego é a miña lingua materna, a natural dun neno da Galicia rural”, di Antonio Rigueiro ao recibir o Premio Luís Porteiro Garea

Por 17 Setembro, 2021Sin comentarios

O reitor da USC, Antonio Lopez, salienta que “galeguidade indisoluble” do galardoado e defende traballar a prol do emprego do galego na docencia e na investigación na gala de entrega deste recoñecemento a prol do uso da lingua na institución académica celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.

“O galego é a miña lingua natural, o idioma propio de calquera neno da Galicia rural, polo que nunca supuxo ningunha dificultade para min ou seu uso”, salientou o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Antonio Rigueiro, logo de recoller o IV Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso da lingua galega na institución académica, un galardón que recolleu ese xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo no marco dunha  cerimonia presidida polo reitor da USC.

Antonio López destacou na gala de entrega da cuarta edición do Premio Luís Porteiro Garea, un galardón creado en memoria da figura e do legado do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala. “A galeguidade de Antonio Rigueiro e a súa relación co galego é indisoluble”, subliñou Antonio López, para logo abondar nos méritos colleitados por Rigueiro ao longo da súa traxectoria como docente, investigador e tamén no seu labor de transferencia e divulgación científica.

O reitor da USC tamén se congratulou polo feito de celebrar a cerimonia de entrega do Premio Luís Porteiro Garea no Campus de Lugo, a cidade que viu nacer a Porteiro Garea en 1889 e na que tamén naceu o propio Antonio Rigueiro, a quen se referiu como “mestre e referente da USC”.

O uso da lingua galega na USC e a necesidade de seguir a traballar para afianzar o emprego deste idioma tanto na docencia como na investigación, así como nas actividades de transferencia e divulgación, centraron outras das mensaxes manifestadas polo reitor da USC, que ve na lingua propia de Galicia “unha ferramenta necesaria” para conservar o auténtico significado das palabras.

CERIMONIA

A lectura do fallo do xurado, a cargo do director do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, Manuel Núñez Singala, quen tamén actuou en calidade de secretario do tribunal, abriu a sesión protocolaria de entrega do IV Premio Luís Porteiro Garea, no marco da que os tamén docentes e investigadores da USC na EPS de Enxeñaría, Ana Isabel García Arias e Francisco Javier López González, actuaron en calidade de padriños do galardoado Antonio Rigueiro, o primeiro profesor do Campus de Lugo da USC que recibe este recoñecemento.

As súas intervencións afondaron, entre outras cuestións, nalgúns dos aspectos xa recollidos no fallo do xurado, que xa no seu ditame do 1 de xullo puxo en valor a traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social de Antonio Rigueiro ao longo de toda a súa carreira na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, á que o agora galardoado se incorporou como profesor titular en 1988, así como noutras iniciativas de divulgación científica e sociais tamén desenvolvidas por Antonio Rigueiro. “O feito de ter o galego como lingua habitual reforzou se cabe a naturalidade do galardoado, potenciou a súa empatía co alumnado e co resto de membros da comunidade universitaria, ao tempo que rompeu coa imaxe clásica e xa superada da figura dos catedráticos de universidade”, sinalaron.

Unha vez rematada a quenda de intervencións e logo de recoller o IV Premio Luís Porteiro Garea de mans do reitor da USC, Antonio Rigueiro pronunciou unhas palabras de agradecemento nas que remarcou as súas orixes no Val do Mao, nunha aldea do concello do Incio.

Esta procedencia da Galicia rural resultou decisiva, segundo subliñou, para a súa relación permanente co galego, “a miña lingua materna, a natural e a única que coñecía”, remarcou, para logo engadir que o emprego deste idioma non lle supuxo ningunha dificultade para expresarse de xeito oral nin para a publicación e difusión da súa obra científica e de de divulgación.

A naturalidade coa que Antonio Rigueiro define a súa permanente filiación coa lingua galega non lle privou lembrar no seu emotivo discurso anécdotas simpáticas e outros episodios máis chamativos que tamén resultan representativos de prexuízos outrora asociados ao idioma galego. “Nunha viaxe a Madrid, logo de que meu pai lle indicara en castelán a un amigo que “el niño tiene dos años”, eu aclarei que “dous años e as ovellas”.

Logo de recrear esta vivencia infantil, Rigueiro repasou tamén o seu proceso de identificación co protagonista da obra de Xosé Neira Vilas ‘Memorias dun neno labrego’, “o primeiro libro que lin”, precisou, para logo engadir que “desde un principio, sentinme moi identificado con Balbino, pois era un neno de aldea coma min, que estaba chamado a ser labrego.

A aterraxe de Antonio Rigueiro na USC produciuse como a dun paracaidista, xa que cheguei á academia desde o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, onde xa tiña algunhas publicacións e traballos de divulgación escritos en galego, explicou. Esta bagaxe, que o propio Antonio Rigueiro presentou como méritos a valorar cando en 1988 optou á praza de profesor na USC deparou o seu rexeitamento por parte do presidente do seu tribunal ante o temor de que fora a impartir docencia en galego. “Afortunadamente, este criterio non foi compartido polos demais membros do tribunal”, subliñou Rigueiro.

O catedrático da USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo manifestou tamén a súa gratitude á USC e a todos os que promoveron e fallaron a súa candidatura como merecedora do Premio Luís Porteiro Garea, que supón “un recoñecemento moi importante para min”.

AUTORIDADES

A entrega do IV Premio Luís Porteiro Garea reuniu na EPS de Enxeñaría da USC unha ampla representación de autoridades académicas. Así, alén do reitor Antonio López, tamén asistiron á sesión as vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo e de Organización Académica, Montserrat Valcárcel e Celia Besteiro, respectivamente, o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; a secretaria Xeral da USC, Dulce María García Mella, así como decanos e directores de centros e unha ampla representación de docentes.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e o seu homólogo do Concello do Incio, Héctor Corujo; os secretarios xerais de Universidades, José Alberto Díez Castro, e de Política Lingüística, Valentín García, a  deputada provincial delegada da área de Réxime Interior, Pilar García Porto, tamén asistiron á celebración deste acto, no que tamén estivo presente a familia de Luís Porteiro Garea, así como familiares, compañeiros e amizades de Antonio Rigueiro.